O Goberno estatal aproba un tope ao prezo do gas de 50 euros/MWh: así afectará a túa factura da luz

A 'excepción ibérica' anunciada polos Executivos español e portugués fixará un prezo para o gas destinado á xeración eléctrica de 50 euros/MWh, mais con carácter temporal.
O prezo da luz aumenta esta quinta feira (Foto: Rasstock).
photo_camera Durante seis meses o prezo será de 40 euros/MWh. (Foto: Rasstock)
  1. Cal será o novo prezo?
  2. Como afectará a factura da luz?
  3. Un acordo "temporal"

O Goberno estatal, nun Consello de Ministros extraordinario decorrido esta sexta feira, aprobou o mecanismo para limitar o prezo do gas para a xeración eléctrica a unha media duns 50 euros por megawatt/hora (euros/MWh) durante un período de doce meses.

En rolda de prensa tras o Consello, a vicepresidenta terceira do Goberno e ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, puxo en valor que esta medida supón unha resposta "que ten poucos antecedentes, ou ningún" no pasado, xa que Europa "entendeu as causas polas que España e Portugal deben contar con esta excepción". Será "un paraugas" para "protexer os consumidores domésticos e a grande industria".

Aliás, subliñou que "por primeira vez non pagarán os mesmos" e a medida ten como finalidade "reducir os beneficios extraordinarios das eléctricas para que haxa beneficios para todos".

A denominada 'excepción ibérica' estaba pendente de aprobarse desde que a finais de abril os gobernos español e portugués lograron o acordo político con Bruxelas para estabelecer este mecanismo temporal que fixará o tope ao gas.

Cal será o novo prezo?

Esta medida permitirá desacoplar temporalmente os prezos do gas e a electricidade na Península Ibérica. O mecanismo durará uns doce meses e permitirá fixar o prezo medio do gas ao redor deses 50 euros/MWh —a comezar por 40 euros/MWh, durante seis meses, para ir posteriormente subindo até os 48,8 euros—, fronte ao actual prezo de referencia no mercado de máis de 100 euros/ MWh.

Na configuración actual do mercado eléctrico, o gas determina o prezo global da electricidade cando se utiliza, xa que todos os produtores reciben o mesmo prezo polo mesmo produto, a electricidade, cando entra na rede.

O prezo da electricidade é de media esta sexta feira, segundo datos de Rede Eléctrica de España, de 282,89 euros o megawatt/hora, máis do dobre que hai xusto un ano.

Como afectará a factura da luz?

A ministra Ribera estimou recentemente que o acordo permitirá reducir en 30% a factura eléctrica para un consumidor medio da tarifa regulada —o denominado PVPC—. "Reducirase de forma importante e creo que isto afecta os consumidores domésticos e os industriais, xa que 70% da enerxía que consome a nosa industria non está cuberta por contratos a longo prazo", afirmou, en declaracións a RNE.

Ribera recoñeceu que o prezo pactado coa Comisión Europea non é todo o "óptimo" que desexaban ambos os países —pedían limitar o prezo do gas a 30 euros/MWh—; porén, "logrouse que este prezo de referencia se aplique durante doce meses.

Un acordo "temporal"

A ministra lembrou que se trata dun acordo con carácter temporal e que o que hai que facer é traballar en medidas estruturais no mercado eléctrico, que pasan pola súa transformación "e por un debate que debe abrirse nos próximos meses sobre como facer evolucionar o marco regulatorio en Europa", así como mellorar as interconexións.

Comentarios