Fruga acusa a multinacional Lactalis de “impor” baixos prexos no sector do leite galego

Responsabiliza as administracións e as organizacións de produtores (OPL) de “non cumprir” coa defensa do sector produtor.

 

Explotación leiteira (SLG)
photo_camera Explotación leiteira

Renovación de contratos lácteos estes meses e, máis unha vez, o resultado son “abusos” e “imposicións” da industria cara aos produtores. Denúnciao a Federación Rural Galega (Fruga), que resume así a situación: “As industrias presentan unha oferta e o gandeiro non lle queda mais remedio que aceptala”.

Esta organización incide en que hai “unha suba constante e continúa dos custes de produción, derivada da suba dos concentrados. En cambio o prezo a percibir polo leite e similar o das campañas anteriores, nalgúns caso aínda mais baixo que o ano 2020”.

Fruga responsabiliza ás industrias lácteas que operan na Galiza, “na súa maioría de capital foráneo”, de “facer o seu agosto” nas explotacións leiteiras galegas. Na Galiza pagan os prezos mais baixos do Estado, e dos mais baixos da UE, “con calidades similares”, critican.

“Nesta última renovación de contratos observamos como a empresa Lactalis, de capital francés, presentou unha oferta aos gandeiros galegos, cuns prezos similares, nalgúns casos, e noutros con prezos mais baixos que a campaña pasada. Tendo en conta que esta industria é das primeiras en presentar a oferta, está a conseguir ser realmente quen fixe o prezo do mercado ao resto de compradores, co cal vemos unha vez mais como a terceira empresa a nivel mundial, en canto a volume de comercialización, é quen fixa o prezo que cobramos as ganderías galegas”.

Desde a Fruga denuncian, ademais, que tanto a lexislación aprobada ultimamente, que fala de non vender por baixo dos custes de produción, nin as organizacións de produtores (OPLs), “están a cumprir o seu cometido”. Si en cambio, engaden, “observamos como nalgunhas comunidades, onde realmente hai grupos de comercialización de base cooperativa, os prezos son superiores, casos de Andalucia, Asturias, Cataluña, Euskadi.....

Comentarios