Industria láctea: as grandes empresas queren renovar contratos de 2020 sen pagar o sobrecusto nos pensos actuais

Unións Agrarias (UUAA) denuncia que as principais industrias lácteas que operan na Galiza queren renovar os contratos coas explotacións gandeiras sen abonar o incremento de custos de produción, uns 2,7 millóns de euros mensuais para as 7.000 granxas que seguen en activo. Ademais, exixen controlar as plantacións ilegais que reducen terra agraria util.
As explotacións gandeiras galegas, como a da fotografía, aumentaron os custos de produción (UUAA)
photo_camera As explotacións gandeiras galegas, como a da fotografía, aumentaron os custos de produción (Foto: UUAA)

As diferenzas entre as explotacións gandeiras galegas e a industria do leite continúan a tensar este sector. O aumento dos custos de produción derivado da suba dos preparados para a alimentación animal reduce aínda máis a marxe de beneficio e as empresas que se aprovisionan nas granxas continúan a presionar para manter o mesmo prezo que o ano pasado.

 "Nunha situación normal podería ser considerado como bo podería ser considerado como bo manter o prezo", asegura a Nós Diario o responsábel de servizos de Unións Agrarias (UUAA), Óscar Pose, "mais na actual, onde temos enriba da mesa unha suba importante de custos e outra que se nos espera en base a bonos que se vai dar ao longo do ano, preocupa", engade. 

Sobrecusto mensual de 2,7 millóns de euros

Desde esta organización agraria apuntan a unha escalada de máis dun 20% na alimentación que precisa o gando. Os prezos dos pensos situaríanse nunha ampla banda que oscila entre 25 e 42 euros por tonelada, dependendo da tipoloxía dos mesmos. Os cálculos de UUAA dan como sobrecusto mensual a cantidade de 2,7 millóns de euros no conxunto das 7.000 explotacións de leite que aínda operan na Galiza. "Hai que ter en conta que para a produción dun litro de leite precísase unha ración 400 gramos de concentrado", aseguran. 

Pola contra, desde UUAA explican que as industrias lácteas "fan caixa" cos actuais prezos. En Europa, o leite en po sitúase en 236 euros/100 Kg., tras una suba de 2,3% nun mes. Ao mesmo tempo a manteiga cotiza a 355 euros/100 Kg. (+2% nun mes), chegando a un valor de récord nos últimos anos grazas ás compras masivas de China deste tipo de produtos. 

Aplicar a normativa oficial

"Temos normativa abondo para controlar esta situación", asegura Pose en relación da Lei da Cadea Alimentaria que estipula que á hora de asinar os contratos se teñen que ter en conta todas as variables que operan no mercado. "Está moi ben máis hai que aplicala e non mirar cara outro lado como fan agora", denuncia Pose.

UUAA avisa que o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación aínda non finalizou un estudo de custos de produción polo que non teñen datos sobre este tema. Tampouco teñen constancia do Plan Lácteo anunciado pola Xunta da Galiza onde había unha serie de medidas que anunciaron como unha ferramenta pública para calcular o custe individual de cada gandeiro. "Agora axudaríanos contar con ela", sinala Pose. 

Aumentar a superficie agraria útil

UUAA insiste tamén na importancia de aumentar a superficie agraria útil das explotacións situadas en territorio galego. Indican que os prezos da terra son moito máis elevados na Galiza que noutros lugares do Estado español, nun problema que cualifican de "tradicional" da agricultura e da gandería no rural galego. "Hai moita superficie abandonada, agrícola e forestal mais hai que tomarse en serio este tema", sinala Pose.

Lembra que o tamaño medio das explotacións galegas é inferior ao comunitario, "todo un reto para Galiza nun escenario caracterizado polo endebedamento que arrastran gran parte delas, a debilidade da industria láctea e os enormes desequilibrios e a falta de articulación das relacións entre produtores, industrias e distribución". 

Outro dos grandes problemas, segundo esta organización agraria, son as plantacións ilegais. "Nós presentamos moitas denuncias diante a Xunta e pásanlle a pelota aos concellos, ninguén fai nada", denuncia Pose, "e non pode ser que cada gandeiro teña que denunciar á súa veciña ou veciño", engade. Na súa opinión poderían empregarse as mesmas ferramentas que utilizan para o control das axudas da Política Agraria Común (PAC) "sen ter que saír dos seus despachos".

Comentarios