A industria láctea continúa a obviar os custos das granxas

UUAA, molesta coa proposta de axudas ás empresas da Xunta, pide a intervención do Ministerio.
Gandeiro nunha explotación leiteira (Arxina).
photo_camera Gandeiro nunha explotación leiteira (Foto: Arxina).

O aumento da produción do sector lácteo galego non está a beneficiar as granxas. UUAA acaba de denunciar que a industria continúa a introducir contratos de compra de leite sen ter en conta o aumento dos custos de produción, impondo na súa maior parte os mesmos prezos que o anos pasados.

Félix Porto, membro de UUAA, explica que desde 2019 até 2020 o aumento na produtividade foi de 3,9%, pasando de 2,8 millóns de toneladas a case os 2,9 millóns. 

Incremento dos custos de até 20%

"Aínda así a nosa situación non é boa por unha suba dos custos de produción de entre 15% e 20%, como consecuencia do aumento dos prezos das materias primas para a elaboración de pensos, da luz e o gasóleo" ao que habería que sumar "os custos salariais nas explotacións polo IPC e sen contar coa baixada das axudas PAC para paliar a caída da venda de leite". 

Malia esta circunstancia e de ser a Galiza o máximo produtor a nivel estatal, os prezos continúan a ser os máis baixos. "As industrias pon contratos impostos que non se poden modificar e introducen a cláusula de que o prezo cobre os importes de produción cando non é certo", asegura Porto. 

Maiores beneficios para a industria

Diante desta situación critican que a Xunta negocie "dar subvencións á industria a cambio de nada". Por este motivo, insisten en que "o Ministerio de Agricultura ten a arma perfecta pola vía da normativa da lei de cadea para regular que haxa unha normativa que se cumpra". Desde UUAA apuntan a que o Goberno estatal "ten todos os datos dos prezos que teñen os produtores, da industria e de distribución e o de venda ao público".

Segundo datos recollidos por esta organización agraria, a desaparición de explotacións gandeiras de leite continúa. En xaneiro de 2016 había 9.078 e ese mesmo mes de 2021 a cifra pasou a ser de 6.722. 

Elías Somoza, da Fruga, opina que hai abondo organismos para "facer un cálculo obxectivo deses custos". Pon como exemplo o Observatorio de Prezos lácteos e outros "que reciben axudas e teñen capacidade para facer un estudo serio do que custa producir un litro de elite nas súas distintas modalidades e non se pon nos contratos para nada". Cre que o sistema non protexe ás explotacións para que as empresas "traballaran cuns contratos dignos".

Comentarios