Denuncian que a apertura de encoros está a matar o marisco das rías galegas

A Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA) exixe a Augas da Galiza que regule baleirado das concesionarias pola forte baixada da salinidade. O mesmo problema teñen na ría de Vigo mentres que na de Cariño aseguran que o marisco "morre" pola contaminación.
Cinco mariscadoras traballando en Arcade (Soutomaior), na ría de Vigo (Foto: Nós Diario).
photo_camera Cinco mariscadoras traballando en Arcade (Soutomaior), na ría de Vigo (Foto: Nós Diario).

As fortes chuvias acontecidas nos últimos días nos esteiros hidrográficos dos ríos Ulla e Umia coincidiron coa apertura dos encoros e provocaron unha forte baixada da salinidade na columna de auga até varios metros de profundidade. Isto aconteceu ao mesmo tempo que baleiraron sedimentos desas instalacións provocando a súa deposición nos bancos marisqueiros da ría de Arousa.

Máis ao sur, na ría de Vigo, a situación non é moi diferente e está relacionada co encoro de Eiras. Esta circunstancia non é nova, mais desta vez as súas consecuencias foron máis preocupantes para o sector.

Responsabilidade de Augas da Galiza

Para o presidente da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA), Xaquín Rubido, o problema é “de xestión”. Afirma que “a auga é un ben público” e compete “á Xunta", polo que "Augas da Galiza ten a obriga de regular como se produce o baleirado dos encoros por parte das concesionarias” pasando a sancionar “cando se producen alteracións que producen danos”. Este biólogo e investigador sinala a Nós Diario que a eiva está en que “non hai un protocolo que garanta os usos que fai a sociedade da ría, no noso caso o cultivo de bivalvos”. 

Coa situación que se produciu esta semana perigan as tres especies de ameixas e o berberecho que se cultiva na Arousa. “O estrés por culpa da baixa salinidade pode desembocar no feche das valvas, que non se alimente e rematar por debilitar a especie”, explica Rubido. A situación agrávase cando o baleirado dos encoros ten lugar coa marea baixa.    

Diante desta circunstancia a PDRA denunciou a situación a Augas da Galiza reclamándolle sancións para as empresas concesionarias e indemnizacións para as confrarías afectadas. Ademais, enviarán un escrito dirixido á Consellaría do Mar para que apoie as demandas do sector. 

Alarma na ría de Vigo

Na ría de Vigo a situación non é moito mellor. A presidenta da Asociación Nacional de Mulleres da Pesca (Anmupesca) e mariscadora en Arcade (Soutomaior), Rita Míguez, cualifica a Nós Diario o momento de “crítico” xa que  “non hai salinidade, a auga está doce”. Apunta que "aínda por riba" arrastran a mortalidade de especies de 2020 e o parón que realizaron como consecuencia da pandemia da Covid-19. 

“O normal era traballar uns 130 días ao ano, mais para este tiñamos previsto ir entre 30 e 40 días, ademais collendo poucos quilos”, afirma. Nas circunstancias actuais cre que mesmo “perigan eses días e igual non iremos ningún, a auga doce mata todo o que hai ”. 

Para avaliar a situación solicitaron a Salvamento Marítimo que se achegue á zona para inspeccionar o lugar e para esta vindeira sexta feira acordaron manter unha xuntanza de traballo co presidente da Federación de Confrarías de Pontevedra, José Manuel Rosas. “Temos que buscar unha solución”, sinala Míguez, “igual esta pasa por facer un paro biolóxico", unha proposta que recoñece "vainos custar moito superar”. 

A Xunta culpa o mal tempo

Fontes da Consellaría do Mar consultadas onte por Nós Diario aseguran que están "a avaliar o estado dos distintos bancos e o impacto que neles poden ter múltiples factores como as inclemencias meteorolóxicas".

Problemas de contaminación na ría de Cariño

No norte, na ría de Ortigueira e Cariño, a situación tamén é alarmante. A responsábel da agrupación de mariscadoras do Barqueiro, Cristina Trasancos, asegura a Nós Diario que levan dous anos co problema da baixa salinidade e unha grande acumulación de area. “Avisamos moitas veces a Consellaría do Mar e tras realizar análises aseguran que non hai contaminación, mais seguen sen facer estudos de salinidade”, explica.

Porén, desconfía da situación do río Mera “que agora trae de todo e ten moita sucidade” e que vai parar á ría. As mariscadoras constatan que a mortalidade na ría é moi alta cando sempre foron moi bos bancos. “Temos as ameixas nunha mesas elevadas e cando as botamos á area morren, algo teñen os sedimentos e non sabemos o que é”, relata esta mariscadora.

Comentarios