As denominacións de orixe xeran unha imaxe positiva do territorio

Un estudo da USC destaca o consello regulador como figura crucial.
Queixos nun mercado (Foto: P. Sousa).
photo_camera Queixos nun mercado (Foto: P. Sousa).

Un artigo dos investigadores do Departamento de Xeografía da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Rubén Boga e Valerià Paül, publicado na revista de economía Food Policy, analiza a través de técnicas cualitativas a situación de dúas Denominacións de Orixe Protexidas (DOP): o queixo do Cebreiro galego e o Tolminc esloveno. 

Ambas as dúas contan con tan só dous produtores activos, mais o estudo demostra que o seu tamaño non ten por que afectar os beneficios que achegan. Porén, destaca, a súa reducida dimensión pode implicar que as Administracións Públicas dubiden da pertinencia de seguir apoiando o seu desenvolvemento.

A partir da análise dos resultados, os investigadores observan que emerxen dúas realidades contrastadas. No caso do Cebreiro, a DOP permitiu recuperar, valorizar e promover un queixo que nos anos 1990 estaba perto da súa desaparición, así como xerar unha imaxe positiva do territorio.

Pola contra, no caso de Tolminc, a obtención da certificación apenas beneficiou a imaxe dunha cooperativa que comercializa o queixo certificado, sen achegar valor engadido en relación cos seus equivalentes convencionais. En paralelo, as pequenas queixarías de montaña alpina nas que se basea a identidade deste produto desenvolven a súa actividade á marxe do funcionamento da denominación. 

En consecuencia, o artigo conclúe que as DOP non dependen do seu tamaño, senón dos obxectivos cos que se constrúen e do tipo de actores implicados, así como da gobernanza que se produce entre eles. Así, a ausencia dun consello regulador da denominación no caso esloveno leva a percibir a cooperativa como un actor dominante que monopoliza a promoción do queixo.

Comentarios