O déficit comercial da 'despensa galega' alcanza xa os 1,5 millóns de euros diarios: "Precisamos recuperar a produción propia"

A Galiza gasta máis, bastante máis, en comprar alimentos que o que ingresa pola venda dos seus produtos agroalimentarios ao estranxeiro. O saldo comercial alimentario galego está en números vermellos. Nos primeiros seis meses de 2023 esa balanza foi negativa en 1,5 millóns de euros cada día.
Os produtos do mar lideran as exportacións agroalimentarios. (Foto: M. Arrazola)
photo_camera Os produtos do mar lideran as exportacións agroalimentarios. (Foto: M. Arrazola)

A Galiza como 'despensa alimentaria' ou 'terra de fartura' continúa viva no imaxinario de non poucos galegos e galegas, e tamén na ollada dos foráneos sobre o país. Unha terra rica en non poucos recursos do mar e da terra e cun sector primario que continúa a ter un peso importante no emprego (1 de cada 10 postos de traballo no país están nas diferentes actividades do sector agroalimentario) e na economía (7% do produto interior bruto, PIB, da Galiza), fornece a idea de que somos unha verdadeira potencia alimentaria. E pode que sexa así, mais cómpre relativizar: xa gastamos máis en comprar alimentos a terceiros que o que ingresamos por vender os nosos.

Os datos do primeiro semestre do ano fornecidos por Comex [Comercio Exterior do Ministerio de Industria e Economía] indican que o valor das exportacións agroalimentarias da Galiza situáronse en 2.253 millóns de euros. Vendemos ao exterior  742.000 toneladas de alimentos. Pola contra, neses mesmos seis meses, importamos produtos agroalimentarios por un valor superior aos 2.518 millóns de euros. 1.676 toneladas de diferentes recursos.

O saldo comercial alimentario galego, a diferenza entre exportacións e importacións, é deficitario en 265 millóns de euros en seis meses, unha media de 9 millóns de euros semanais, 1,5 millóns de euros cada día.

Que vendemos?

Na Galiza, peixes, mariscos e conservas de peixe supoñen practicamente dous terzos das exportacións agroalimentarias, segundo a Análise das exportacións agroalimentarias en España. Ano 2022, elaborado por Caixa Rural. Outras destacadas son aditivos de ervellaca e agar-agar (emprégase como estabilizante e axente xelificante en produtos de panadaría, de confeitaría, produtos lácteos, carne e peixe enlatados...) leite e viños e alcois. Só en marisco, en 2022 vendemos ao estranxeiro produtos por 961 millóns de euros; de pescado conxelado por valor de 711 millóns e de conservas, 707.

A Universidade de Vigo analizou en 2021 nunha guía de onde veñen os alimentos que consumimos. "Desde os anos 50 en diante, pero sobre todo coa entrada na UE en 1986 os cambios [no consumo de alimentos] foron tremendos. A globalización do sistema alimentario levou á crecente importancia da produción animal dentro do modelo produtivo e de consumo. A produción animal medrou moito máis que a produción de alimentos vexetais e convértese nun vector claro do modelo alimentario das últimas décadas", asegura o informe.

Dieta

A partir dos datos da FAO é posíbel achegarse á dieta media.  No caso galego, os patróns de consumo son algo diferenciados (consómese menos carne, 213 gramos/día fronte a 281 no caso español) pero máis peixe (270 gramos/día fronte a 116). Tendo en conta isto, poderíase estimar o impacto climático da nosa dieta en 5,22 kg de CO2 por persoa e día (onde o consumo de carne e peixe son as partidas de maior nivel de emisións).

O seu peso

O sector agroalimentario xera na Galiza 103.000 postos de traballo, o que supón 9,3% do traballo total, e achega 6,9% do PIB da economía galega (4.126 millóns de euros), segundo un estudo sobre a actividade publicado polo Instituto Galego de Estatística (IGE). As actividades primarias son as que predominan, especialmente en termos de emprego, xa que 69,4% dos postos de traballo do sector proveñen das mesmas. A rama con máis xeración de valor e con máis postos de traballo creados é a 'Agricultura, gandaría, caza e servizos relacionados con elas'. Séguea en importancia a 'Pesca' e a 'Industria de procesamento e conservación de peixes, crustáceos e moluscos'.

O sector medrou menos que o total da economía na fase expansiva, con taxas positivas nos anos de recesión económica e creceu lixeiramente por riba da media da economía galega nos anos máis recentes.

Na comparativa co sector no Estado español, a Galiza destaca pola súa especialización no subsector primario e concretamente na pesca e na acuicultura, ramas nas que máis de 40% do Valor Engadido Bruto (VEB) xerado no Estado provén da Galiza. A Galiza atópase, en comparativa internacional, entre as economías nas que o sector é máis relevante. O territorio galego conta ademais con 2.526 empresas, 8,2% do tecido empresarial da industria agroalimentaria do Estado, sendo a cuarta comunidade con maior número. A pequena e mediana empresa supón máis da metade das industrias deste sector.

"Galiza precisa recuperar a produción propia"

"O abandono da actividade agraria, que chegou a valores extremos nas últimas décadas, supuxo que o noso país presente un raquítico nivel de cobertura das súas necesidades alimentarias de produción vexetal. A dependencia exterior respecto a cereais, hortalizas, legumes, froitas, froitos secos ou aceite significa, ademais dun lastre para a nosa economía, quedar a expensas dos países produtores e dos mercados globais. Galiza necesita pór en marcha unha política agraria que recupere a produción propia".

Esta reflexión do economista Marcelino Fernández Mallo para Nós Diario abonda na necesidade dunha soberanía agroalimentaria. "A primeira condición para a supervivencia dun país é que teña garantida a cobertura das súas necesidades básicas", subliñaba Fernández Mallo.

Comentarios