De Guindos podería ter usado o seu cargo para favorecer a auditora que avalou as preferentes

O ministro de Economía era alto cargo na auditora Price Waterhouse Coopers, que garantiu a limpeza das contas das emisións deste produto. Agora que o Goberno español é accionista único de NGB, a mesma empresa decide quen vai á arbitraxe


"Habería que esclarecer cal é a súa participación concreta", mais o ministro de Economía, Luis de Guindos, podería estar a aproveitar o cargo público que ocupa no Goberno español para favorecer a empresa en que traballaba antes de acceder a el, Price Waterhouse Coopers.

Foi esta a encargada de auditar desde 2003 até 2009 a Caixa Galicia Preferentes S.A., culpábel do calote das preferentes. E foi tamén a empresa designada por Novagalicia Banco para que decida cales d@s estafad@s poden recuperar os seus aforros pola vía da arbitraxe, ao existiren indicios de irregularidades na venda.

Porén, Novagalicia Banco é unha das entidades que foi nacionalizada e que ten ao Frob como accionista único, é dicir, o Goberno español, o mesmo onde De Guindos é responsábel da carteira de Economía. É este o motivo polo que Clodomiro Montero, secretario xeral da CIG-Banca, exixiu en declaracións a este xornal que se sinale "con transparencia" cal é o papel que xoga De Guindos.

A man do PP

Con todo, a súa presenza na cúpula da auditora que avalou as preferentes "é xa un dato máis da participación do PP no proceso de reestruturación" da entidade, apuntou Montero, facendo fincapé na casualidade de que a mesma entidade que avalou "a limpeza" das contas na emisión deste produto financeiro "diga agora que só foron emitidas correctamente en determinados casos". Referiuse así o sindicalista á arbitraxe, vía pola que até o de agora só se atenderon por volta de 11.000 casos d@s máis de 70.000 estafad@s por Novagalicia Banco.

Que Price Waterhouse Coopers tivo a De Guindos en nómina denunciouno Sermos Galiza no semanario en papel que saíu do prelo esta sexta feira, con toda a información respecto do currículo do actual titular de Economía. Jesús Domínguez, en representación das plataformas de afectad@s do País, considerou que o acontecido co ministro "parece ser o procedemento habitual" nas filas do PP, recordando que "pasou o mesmo con Rodrigo Rato".

Rajoy "discriminou" Galiza na negociación con Bruxelas

Sinalou Domínguez que as emisións de subordinadas datan xa de 1988, ano en que se produciron dúas, e arremeteu contra o "trato discriminatorio" do Goberno español que lidera Mariano Rajoy á hora de negociar con Bruxelas as condicións en que @s aforrador@s recuperarían o diñeiro estafado. Así, namentres entidades como Caja Castilla-La Mancha recuperarán o 100% dos cartos, para NGB o presidente español negociou que parte do rescate do banco fose asumido pol@s afectad@s, facéndo@s titulares de accións ordinarias que non cotizan en bolsa.

Pronunciose tamén Domínguez sobre as denuncias que NGB emprendeu pola vía penal contra membr@s das plataformas cidadás polas súas protestas nas sucursais da entidade. "O que ten que facer o banco é obrigar a Price Waterhouse a que revise as máis de 30.000 solicitudes que ten riba da mesa e que cumpren os mesmos requisitos que os outros 11.000 resoltos, pois todas foron enganadas", recomendou, ironizando sobre a pretendida defensa dos dereitos d@s traballador@s que argumentou NGB para proceder deste xeito: "cun ERE declarado e o peche continuado de oficinas, acórdanse agora dos dereitos dos traballadores".

Sobre @s empregad@s da entidade falou tamén Clodomiro Montero, de CIG-Banca. Subliñou que os correos internos enviados por membr@s da cúpula da entidade que dirixía José Luís Méndez para presionar coa venda de produtos tóxicos "eran diarios, hora a hora ou incluso minuto a minuto". Montero recordou as protestas desenvolvidas hai sete anos na Coruña diante das oficinas de Caixa Galicia. "Non reclamabamos melloras salariais, só pediamos que nos deixaran traballar en paz e que puxeran fin ao acoso", recalcou o sindicalista: "vendemos motos, televisións de plasma ou vaixelas, e en todas as campañas comerciais existía esa presión laboral".

Comentarios