CUT denuncia a persecución sindical dunha multinacional hoteleira contra un traballador por ser delegado

O sindicato lembra que NH Obradoiro despediu tres"compañeiras" o ano pasado
Mobilización da CUT
photo_camera Mobilización da CUT

A CUT vén de denunciar mediante un comunicado á Dirección de Recursos Humanos de NH Hoteles, que vén de abrir un expediente disciplinario contra o Secretario Comarcal Leonardo Da Cruz Blanco, traballador do centro NH Obradoiro de Compostela, no que califica de “unha nova tentativa de encauzar o seu despedimento inmediato como freo para a súa actividade sindical”.

Esta central denuncia que, de portas para dentro, esta multinacional “está a desenvolver unha razzia contra a nosa central sindical, que se concretou co despedimento o ano pasado de tres compañeiras do NH Obradoiro, recorridos xudicialmente, e que se está a ensañar no caso do compañeiro, con actitudes dirixidas ao seu illamento e desacreditación no centro de traballo, así como a impedir por todos os medios o desenvolvemento das súas tarefas como Secretario Comarcal desta central”.

Nesta liña, a Central Unitaria de Traballadores afirma que “a incomunicación co exterior, a redución unilateral do seu crédito horario sindical, a desacreditación da CUT dentro e fóra do centro de traballo, son algunhas das estratexias que a Dirección Local da empresa, en conexión co Director de Recursos Humanos para a España e Portugal están a desenvolver, para impedir mesmo o seu traballo representativo da nosa central”

Comentarios