Críticas polo atraso e "insuficiencia" do estatuto das industrias electrointensivas

A CIG, o BNG e a Xunta afirman que prexudica a Galiza. 
Traballador de Alcoa en San Cibrao (Cervo) nunha protesta.(Carlos castro/ Europa Press).
photo_camera Traballador de Alcoa en San Cibrao (Cervo) nunha protesta.(Foto: Carlos castro/ Europa Press).

O estatuto das industrias electrointensivas que aprobou esta cuarta feira o Consello de Ministras e Ministros segue a recibir críticas desde o seu anuncio, malia que aínda non se coñece o seu texto final por non estar publicado no Boletín Oficial do Estado (BOE)

Paulo Carril, secretario xeral da CIG, sinala que "estamos ante unha constatación máis desta acumulación de atrasos inxustificados por parte do Goberno español, co impacto que ten na nosa industria que o estatuto non estea aprobado desde hai meses e nunhas coordenadas que senten as bases para a creación dunha tarifa máis xusta, estábel, predicíbel e competitiva".

Advirte que non aclara cal será a rebaixa no prezo da electricidade para o sector, malia que esta indefinición "é a que aproveitan as empresas para ameazar a continuidade dos postos de traballo e da actividade". En relación ao anuncio da rebaixa do recibo eléctrico en 13%, fundamentado en sacar das peaxes as primas ás renovábeis, a CIG teme que isto supoña trasladar os custos a todas as empresas enerxéticas, incluídos os prezos dos carburantes.

Sen atender as alegacións

Polo seu lado, desde o BNG, o seu deputado Néstor Rego considera que, após un ano de demora, o proxecto de estatuto aprobado non presenta novidades significativas en relación co esbozo presentado en febreiro e "continúa sen ser a solución que dea estabilidade á industria electrointensiva galega". Apunta que “non tomou en consideración as alegacións presentadas polo BNG e por outras entidades e presenta un proxecto que "queda lonxe de asegurar unha tarifa asumíbel, estábel e predicíbel para o sector”.

As alegacións presentadas pola fronte nacionalista defendían subir até 100% as bonificacións de custos como os extrepeninsulares (que fican en 85%) ou os de transporte para países produtores excedentarios de enerxía eléctrica como a Galiza.

O deputado nacionalista advirte que este proxecto non dará solución á crise da industria electrointensiva na nosa terra, que implica risco de perder 5.000 postos de traballo. 

Desde a Xunta, o seu vicepresidente económico, Francisco Conde, asegura que o estatuto "responde a un criterio territorial e non a unha verdadeira aposta pola industria". Afirma que "non só chega tarde, senón que é insuficiente e non dá unha resposta aos grandes consumidores de enerxía do noso país". Segundo Conde, non permite "competir en igualdade de condicións con respecto a outros países como Francia".

comentarios