A crise do sector inmobiliario golpea o balance das construtoras galegas

Os investidores dan por descontado unha nova crise no sector inmobiliario do Estado español e recortan a súa exposición ao mesmo. Neste sentido, os datos coñecidos nas últimas semanas avanzan un escenario semellante para a Galiza. As subas de tipo de xuro derivadas das políticas do Banco Central Europeo (BCE) nótanse.

 

Edificios na Galiza (Foto: Nós Diario).
photo_camera Edificios na Galiza (Foto: Nós Diario).

A caída da venda de vivendas non dá tregua. A pasada semana, coñecíase un informe do Consello Xeral do Notariado onde se indica que a compra de vivendas caeu na Galiza en 14,3% desde maio de 2022 a maio de 2023. O relatorio, considerado como un dos documentos de referencia para coñecer o funcionamento do sector inmobiliario, sitúa o país por riba da media do Estado, onde as transaccións descenderon en 11,4%.

O peor comportamento rexístrase nos pisos, onde as vendas caeron en 15,4%, até ficar en 1.546 unidades, descendendo en 11,5% no caso das vivendas unifamiliares, que fecharon o período con 604 operacións. No mesmo sentido, o prezo das primeiras baixou en 7,9%, alcanzando 1.277 euros por metro cadrado, e das segundas en 3%, situándose en 700 euros por metro cadrado.

As cifras achegadas polo órgano de Goberno dos notarios confirman as tendencias enunciadas un mes antes polo Instituto Nacional de Estatística (INE). Naquela altura sinalábase que as transaccións de vivenda caeran desde abril de 2022 en 15,1%, unha contía tamén superior en 3,3 puntos á media estatal. Un e outro estudo certifican un descenso moi importante no número de créditos hipotecarios.

O INE cuantifica a diminución dos créditos en 19,7%, isto é, 1.024 operacións menos desde abril de 2022, e o Consello Xeral do Notariado en 23,9% desde o mes de maio da mesma anualidade. A maiores, este último relatorio apunta que 48,7% das vivendas adquiridas na Galiza non foron financiadas por este método, como consecuencia da suba dos tipos de xuro e das dificultades impostas pola banca ao crédito.

O Euribor fechou xuño en 4%, mentres que un ano antes marcaba 0,28%. Segundo o INE, isto levaría a incrementar os custos da hipoteca media, 145.000 euros a pagar en 24 anos, en perto de 3.030 euros ao ano. Esta alza é consecuencia das políticas de tipo de xuro fixadas polo Banco Central Europeo (BCE) coa xustificación de combater a inflación.

Débedas

As derivadas desta situación déixanse notar no sector inmobiliario. Á caída das ventas, súmase o final do crédito barato, o que está a provocar impagos e o traslado das débedas ao balance das entidades financeiras. Neste sentido, o sistema financeiro non agocha a súa preocupación pola importante exposición ao crédito inmobiliario, que representa 21% da súa carteira.

O balance de créditos dubidosos da banca estatal preocupa ás autoridades comunitarias, que non se acaban de fiar das contas presentadas diante do regulador bancario europeo. Tanto é así, que o BCE prepara un test de estrés especifico para estas entidades, cuxa ratio de solvencia ocupa os lugares de cola da Unión Europea, co obxectivo de analizar os seus niveis reais de capital e o impacto no mesmo do crédito inmobiliario.

Coafga denuncia o mal estado dos pisos para estudantes

O Colexio Oficial de Administradores de Fincas da Galiza (Coafga) denunciou onte que moitos dos inmóbeis que se alugan a estudantes universitarios non reúnen as condicións axeitadas para habitar neles e teñen un prezo moi elevado. O Colexio Oficial lembra que os pisos en aluguer deben ser aptos para o seu uso e reunir unhas condicións mínimas de habitabilidade, posuíndo instalacións seguras e actualizadas de gas, electricidade e auga. Neste sentido, non dubidan en cualificar de “insalubres” algúns inmóbeis emprazados nas área de Santiago de Compostela. A entidade sinala que o estudantado "goza dos mesmos dereitos que calquera arrendatario e nada xustifica que os pisos que se alugan a este colectivo non cumpran os requisitos mínimos de habitabilidade”.

Comentarios