Que modelo enerxético precisamos?

Construír pontes por onde non pasan ríos ou como tomar decisións económicas

Xavier Simón, Responsábel do Observatorio Eólico da Galiza, amplía o foro de debates 'Que modelo enerxético precisamos?', organizado por 'Nós Diario' co gallo do décimo aniversario da súa empresa editora, Sermos Galiza.
Entre 1995 e 2007, 54 parques eólicos que representan máis de 1.200 MW foron instalados en nove espazos de Rede Natura. (Ilustración: Álex Rozados).
photo_camera Entre 1995 e 2007, 54 parques eólicos que representan máis de 1.200 MW foron instalados en nove espazos de Rede Natura. (Ilustración: Álex Rozados).

Os sistemas ambiental, social e económico son universos profundamente interrelacionados. Son diferentes en tamaño e en lóxicas de funcionamento. Ademais, existe unha relación xerárquica entre eles: o sistema económico é o universo menor, é parte incluída dentro do sistema social e ambos, o social e económico, son parte do sistema maior que é o sistema ambiental, a biosfera. Moitas derivadas desta visión de partida son de crucial importancia para os seres humanos. 

A organización das nosas formas de producir bens e servizos non se debe cinguir exclusivamente ao que se determina coas ferramentas comúns nas decisións económicas (beneficio monetario, eficiencia técnica...). É necesario, primeiro, decidir cales son os mecanismos e as estruturas para alcanzar os obxectivos sociais que se perseguen. E segundo, cómpre encadrar esas decisións sociais (políticas) na configuración dos ecosistemas, locais e globais, na súa estrutura e no seu funcionamento. É dicir, da biosfera e dos ecosistemas que a configuran derívanse unhas directrices a ter en conta para a toma de decisións sociais (políticas) arredor da organización das nosas actividades de produción e consumo de bens e servizos, da obtención dun clima social, económico e cultural que permita alcanzar a felicidade humana. 

É a economía quen prevalece nas decisións enerxéticas

Ben sei que hai 300 anos iniciouse unha fase histórica que se caracteriza precisamente por todo o contrario. É dicir, o universo pequeno, o sistema económico, é o que determina o que sucede nos outros dous universos. Ben sei tamén que despois da Segunda Guerra Mundial, e sobre todo a partir da década dos 90 do século pasado, malia a aparición do estado do benestar e de varios acordos internacionais de natureza ambiental, a globalización económica acelerou ese dominio do económico. O forte crecemento económico global (pero centralizado, financeiro, especulativo e inxusto) a través de grandes conglomerados multinacionais (máis grandes que moitos Estados) universaliza dereitos empresariais, polariza as sociedades actuais (riscos sanitarios, precarización do emprego e exclusión social) e dirixe cara ao futuro (inmediato) da humanidade conflitos universais que esas xeracións recibirán, sen telo pedido. 

O bucle

A esa lóxica non escapa case ningún dos ámbitos que sustentan a calidade de vida dos seres humanos. Dela non foxe a alimentación, nin a sanidade, cada vez máis tamén a educación, moito do noso ocio, a seguridade e, por suposto, a enerxía fican atrapadas nese mesmo bucle: todo se inicia coa toma de decisións mediante instrumentos económicos que estabelecen as asignacións de mercado e a distribución social de beneficios e cargas e que producen efectos sinérxicos e ás veces irreversíbeis sobre a estrutura dos ecosistemas, traendo acelerados e inesperados equilibrios ambientais onde as condicións de vida de moitas especies, humanidade incluída, toparán dificultades estremas para sobrevivir. E todo isto ocorre sen que todas participemos igualitariamente nin no desfrute dos logros económicos e tecnolóxicos dese modelo nin no padecemento dos seus custos sociais e ambientais. 

No que se refire á enerxía todo indica que a matriz enerxética dominante padece de todas esas eivas: é a economía quen prevalece nas decisións enerxéticas, o sistema enerxético está amplamente centralizado, prodúcese un reparto social e territorial desigual dos beneficios e dos custos, trasládanse ás xeracións futuras unha parte dos custos, incídese no aceleramento da transformación dos ecosistemas, etc. Se ben as matrices enerxéticas das sociedades occidentais están a cambiar nos últimos anos (tamén a galega) mediante o avance das enerxías renovábeis, non por iso observamos transformacións estruturais na súa configuración. É dicir, un papel central das enerxías renovábeis (na produción de electricidade e calor) nas matrices enerxéticas é necesario pero non suficiente se o que pretendemos é reverter as dinámicas comen

Comentarios