A conselleira de Economía defende que Altri é un proxecto “encamiñado a reducir a contaminación e a descarbonizar”

 Lourenzá pide "non falar desde a superficialidade" e a deixar que "os técnicos traballen".
María Jesús Lourenzá e Alfonso Rueda. (Foto: Xunta da Galiza)
photo_camera María Jesús Lourenzá e Alfonso Rueda. (Foto: Xunta da Galiza)

A conselleira de Economía, Industria e Innovación en funcións, María Jesús Lourenzá, pediu a organizacións e partidos políticos "cordura, diálogo e sentido común" respecto ao proxecto de fábrica de fibras téxtiles que impulsa Altri en Palas de Rei (comarca da Ulloa) e asegurou que "vai ter a tramitación ambiental correspondente".

"Non se pode facer co proxecto de Altri nada distinto ao que se fai en toda Europa con calquera proxecto destas dimensións", manifestou, a preguntas dos xornalistas esta terza feira nun acto no porto exterior de Punta Langosteira, no Concello de Arteixo. "Deberá axustarse a Declaración de Impacto Ambiental e Autorización Ambiental Integrada", concretou.

Ao mesmo tempo, Lourenzá instou "a todas as organizacións e mesmo partidos políticos" a "non falar desde a superficialidade" e a deixar que "os técnicos traballen".

"Non prexulgar un proxecto que está aínda sendo examinado polos técnicos, nin xerar determinados tipos de opinións que poidan influír na cidadanía, sen ter coñecemento concreto do asunto", dixo.

Cuestionada pola posibilidade de que a planta de fibras téxtiles se converta nunha macrocelulosa, recalcou que "non é certo". "Non está na tramitación que se está facendo e por tanto non se pode converter en algo que non se está autorizando", sinalou.

Así mesmo, defendeu que "é un proxecto encamiñado a reducir a contaminación e a descarbonizar toda a cadea de valor dos téxtiles, con ese obxectivo, agora hai que examinar os impactos que pode ter no territorio". "

Se o proxecto é medioambientalmente viable pode cambiar a vida de moitas familias nesa comarca", concluíu.

Comentarios