A UE pide aos Estados que sigan no Tratado da Carta da Enerxía, que facilita os litixios das empresas enerxéticas

O Ministerio de Transición Ecolóxica do Estado español defende que a Unión Europea avanza na descarbonización mentres os Estado aumentan o emprego de gas e carbón. Por outra parte, a Comisión Europea aplaude o acordo do corredor enerxético Barmar mais non asegura o destino de fondos comunitarios para o seu desenvolvemento.
Pedro Sánchez e Enmanuel Macron, nunha cimeira da OTAN (Foto: A. Ortega / Europa Press).
photo_camera Os Estados español e francés, liderados por Pedro Sánchez e Enmanuel Macron,anunciaron a súa intención de abandonar o Tratado da Carta da Enerxía (Foto: A. Ortega / Europa Press).

A Comisión Europea advertiu esta segunda feira ao Executivo español e ao de outros Estados da Unión Europea (UE) que preparan a súa saída do Tratado da Carta da Enerxía de que seguirán suxeitos sen cambios ás condicións de arbitraxe que prevé o acordo internacional durante outros 20 anos a pesar de romper con el, polo que lles emprazou a continuar dentro do pacto para poder melloralo desde dentro.

"Tomamos nota do anuncio de varios Estados membro do seu obxectivo de retirarse do Tratado. A Comisión Europea segue pensando que o resultado da modernización do proceso que se fixo en xuño está plenamente en liña coa transición enerxética e a causa do cambio climático", indicou nunha rolda de prensa a portavoz comunitaria de Comercio, Miriam García Ferrer.

Até 50 Estados subscriben este Tratado deseñado en 1998 e que permite ás empresas enerxéticas, sobre todo as relacionadas cos combustíbeis fósiles, demandar aos Estados ante un sistema de tribunais se estas consideran que a lexislación vai en contra dos seus intereses. 

Catro Estados da UE anunciaron recentemente a súa intención de abandonar o Tratado ao considerar que dá maior poder aos investidores enerxéticos privados para litigar contra as normas que desenvolven.

Os servizos comunitarios recalcan que a revisión -que require o apoio da maioría de socios para saír adiante en novembro- ofrece maiores garantías para os investimentos verdes. "Hai que ser claros respecto dos posíbeis escenarios, todo Estado que se retire estará suxeito a unha cláusula de 20 anos que supón que terán que seguir aplicando todas as normas durante dúas décadas máis", remachou García Ferrer.

Deste modo, o Executivo comunitario cre que abandonar o pacto antes de que teña lugar a revisión negociada e pendente de adopción daría ao bloque "un peor resultado" porque os socios saíntes deberían seguir cumprindo as normas que favorecen os investimentos fósiles, mentres que as 'verdes' "non estarían protexidas".

Bruxelas aplaude o acordo do BarMar mais non asegura o destino de fondos 

A Comisión Europea amosou esta segunda feira a súa ledicia polo principio de acordo entre os Estados español, francés e portugués para abandonar o proxecto de gasoduto MidCat e traballar no seu lugar nun corredor que uniría por mar Barcelona e Marsella (BarMar) para transportar gas e hidróxeno verde. 

Porén, o Executivo da Unión Europea (UE) precisou que é pronto para aventurar se poderá optar a financiamento comunitario até coñecer os detalles do proxecto. "A Comisión Europea está á espera dos detalles, é un acordo de principio anunciado polos Estados membros que agora traballan nos detalles técnicos", indicou nunha rolda de prensa o portavoz comunitario de Enerxía, Tim McPhie.

O portavoz da Comisión lembrou que xa non é posíbel destinar fondos comunitarios ao desenvolvemento de proxectos enerxéticos baseados en enerxías fósiles -como é o gas- porque "non son elixíbeis", mentres que si poderían ser candidatos proxectos para o transporte de hidróxeno verde.

Para optar aos fondos europeos os proxectos enerxéticos deben ser parte da lista de Proxectos de Interese Común cuxa próxima revisión terá lugar en "novembro de 2023", indicou McPhie. Até esa data, o proceso "seguirá o seu curso" para que autoridades e operadores poidan propor os seus candidatos a integrar a lista.

Neste contexto, os contratos de futuros (aqueles que se acordan antes de materializar a transacción) europeos do gas natural, negociados na plataforma neerlandesa TTF, baixaron esta segunda feira ao redor de 13,4%, até caer por baixo dos 100 euros por megawatt hora (MWh), mantendo así a senda baixista que levan seguindo desde agosto.

O Ministerio defende que a alianza europea avanza na descarbonización

A vicepresidenta terceira do Goberno do Estado español e responsábel de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, defendeu esta segunda feira que a Unión Europea (UE) está a acelerar a súa conversión para a descarbonización da súa economía a pesar do aumento "temporal" no consumo de gas e carbón que vinculou a razóns de seguridade enerxética tras a ruptura con Rusia pola guerra de Ucraína.

"É capital que Europa poña de manifesto que, aínda que necesitamos certa flexibilidade no curto prazo, e algúns Estados están a volver a incrementar o consumo de carbón e gas, é algo absolutamente temporal por razóns de seguridade enerxética", declarou Ribera á prensa en Luxemburgo, á súa chegada a unha reunión de ministros e ministras de Medio Ambiente.

Ribera continuará esta terza feira en Luxemburgo para asistir a un novo encontro de ministros e ministras de Enerxía da UE para avanzar en desenvolvemento técnico das últimas medidas de intervención do mercado enerxético propostas por Bruxelas e que a pasada semana recibiron o aval político dos xefes de Estado e de Goberno da UE.

Comentarios