Bruxelas estuda estender a 'excepción ibérica' a toda a UE e aforrar 13.000 millóns de euros

O ente comunitario valora unha proposta para limitar a entre 100 e 120 euros/MWh o prezo do gas para a xeración de electricidade.
Planta de procesamento de gas natural ruso en Lubmin, Alemaña. (Foto: Stefan Sauer / dpa)
photo_camera Planta de procesamento de gas natural ruso en Lubmin, Alemaña. (Foto: Stefan Sauer / dpa)

A Comisión Europea está a estudar a posibilidade de que o modelo da 'excepción ibérica' que permite ao Estado español e Portugal pór un teito ao prezo do gas utilizado para xerar electricidade chegue ao resto da Unión Europea, cun tope de entre 100 e 120 euros o megawatt por hora (MWh), un límite máis suave que a media de 60 euros do marco hispanoluso.

Porén, "sumar este mecanismo por riba do tope inframarxinal produciría así un beneficio neto de aproximadamente 13.000 millóns de euros sobre os 70.000 millóns do tope inframarxinal", apunta o documento de traballo que o Executivo comunitario fixo circular entre as capitais no marco das negociacións para intervir o mercado enerxético.

Neste punto, engade Bruxelas, os beneficios netos resultantes terán un "efecto beneficioso sobre a inflación", malia que tamén advirte de que un dos riscos asociados á medida é o previsíbel aumento do consumo de gas, algo contrario ao obxectivo de buscar fontes alternativas tras a ruptura con Rusia pola súa invasión de Ucraína.

Neste contexto, os servizos comunitarios apostan por fixar un prezo máximo "o suficientemente alto para que a enerxía a gas non se volva máis atractiva" que producir electricidade a partir doutras tecnoloxías que fixan en entre 100 e 120 euros o MWh, case o dobre do límite medio de 60 euros que Bruxelas permitiu a Lisboa e Madrid.

"Os beneficios da medida derivaríanse do feito de que o subsidio só se paga ás centrais eléctricas a gas, e a redución resultante do prezo de compensación do mercado grosista reduce os ingresos dos xeradores inframarxinais, que non reciben o subsidio", explicou a Comisión.

Á súa chegada á reunión de ministros e ministras de Enerxía da UE en Luxemburgo, a vicepresidenta terceira e responsábel do departamento de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, apuntou que o Goberno español "apoiará" os países que defenden a extensión do mecanismo ibérico porque entende que se sintan "desprotexidos" fronte á alza dos prezos.

A 'excepción ibérica' marca unha senda para o gas natural para a xeración de electricidade a un prezo de 40 euros/MWh nos seis meses iniciais e, posteriormente, un incremento mensual de cinco euros/MWh até o remate da medida.

Comentarios