A Comunidade de Madrid continuará sen parques eólicos unha década máis

O Goberno da Comunidade de Madrid ultima a aprobación do Plan enerxético da Comunidade de Madrid-Horizonte 2030. O proxecto, encargado á Fundación Tecnalia, recolle non instalar ningún parque eólico nese territorio durante o período de vixencia do mesmo. Madrid continuará outra década máis sen un só aeroxerador eólico.
Serra de Guadarrama na Comunidade de Madrid (Foto: Comunidade de Madrid).
photo_camera Serra de Guadarrama na Comunidade de Madrid (Foto: Comunidade de Madrid).

Madrid acolle a sede fiscal das principais empresas eléctricas con actividade na Galiza,  pero non conta cun só megawatt eólico instalado no seu territorio. Mentres en 2021 a capital do Estado consumiu 27.435.002 megawatts por hora (MW/h), xerou 1.334.104   MW/h e importou 26.100.898 MW/h da súa electricidade, a Galiza consumiu 17.420.799 MW/h, xerou 24.205.021 MW/h e exportou 6.784.222 MW/h.

A Galiza conta con 182 parques eólicos no seu territorio e unha potencia total de 3.807 megawatts, carecendo Madrid de ningunha instalación eólica e producindo cero megawatts mediante esa fonte de xeración de orixe renovábel. Así, a circunscrición da Coruña, cunha extensión inferior en 77 quilómetros cadrados a Madrid, dispón de 68 parques eólicos, acollendo o concello de Muras, nunha extensión de só 163 quilómetros cadrados, 15 parques eólicos e un total de 381 aeroxeradores.

O “Plan enerxético da Comunidade de Madrid-Horizonte 2030” aposta por manter o territorio madrileño libre de parques eólicos. Neste sentido, endente que Madrid non é un lugar axeitado para o emprazamento deste tipo de instalacións de xeración eléctrica polo “alto impacto ambiental” e “a imposibilidade de emprazarse en zonas protexidas”. Ao tempo, o documento significa “a facilidade de Madrid para conseguir doutros territorios enerxías a prezos competitivos”.

A patronal eólica española

Os argumentos deste relatorio, elaborado pola Fundación Tecnalia e asesorado polo Colexio oficial de graduados e enxeñeiros técnicos industrias de Madrid (Cogitimin), coinciden cos formulados no seu momento pola patronal eólica estatal e os responsábeis do Goberno de Madrid. Neste sentido, xa en 2004, a presidenta madrileña Esperanza Aguirre sinalou en sede parlamentaria que “Madrid non está para producir enerxía”.

Os razoamentos empregados pola patronal eólica para non instalar aeroxeradores en Madrid contrastan cos utilizados na Galiza. Así, o pasado ano, nunhas declaracións ao xornal Público, a directora de Comunicación e Relacións Institucionais da Asociación Eólica Española, Piluca Núñez, indicaba que “sucede que Madrid está rodeada de parques naturais, e nos parques naturais non se poden construír eólicos”. 

A directiva da patronal eólica aseveraba que “non é un tema de opinión, senón de regulación. Para levantar un parque hai que ter unha declaración de impacto ambiental positiva, que non se supera se o proxecto está dentro dun parque natural, se afecta á biodiversidade ou á contorna natural ou se está previsto nunha zona de paso de aves”.
Madrid é a única comunidade do Estado que non conta con ningunha instalación eólica e non xera electricidade procedente do vento. O primeiro territorio en número de parques eólicos é Castela e León con 272, seguido da Galiza con 182, Aragón con 176 e Andalucía con 163, situándose de fecha cancelas Baleares con un, Estremadura con un e Cantabria con tres. 

Madrid consome

A escasa produción de enerxía eléctrica e a ausencia de parques eólicos en Madrid non está ligada ás características xeográficas ou ás condicións físicas dese territorio. Neste sentido, o integrante do colectivo Bidán, Fernando Branco, sinala que “isto é resultado dun deseño político estatal, concretado nunha particular especialización produtiva de determinados territorios”.

Branco lembra a Nós Diario como “no ano 2004 houbo até sete proxectos de instalación de centrais eléctricas de ciclos combinados que usan gas natural e hoxe non ten ningún pola negativa dos políticos madrileños a non cargar co seu custo social e ambiental”.

Comentarios