Competencia propón para Booking a multa máis grande da súa historia

O sector hoteleiro denuncia o seu abuso de posición.
Buscador do portal turístico 'Booking'. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Buscador do portal turístico 'Booking'. (Foto: Nós Diario)

A Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) propuxo unha sanción de 486 millóns de euros para Booking, segundo recoñeceu a plataforma de aluguer vacacional na súa presentación de resultados esta mesma semana. 

De confirmarse, sería a maior multa imposta polo organismo estatal en toda a súa historia. A investigación foi iniciada por un posíbel "abuso de posición con respecto aos servizos de intermediación" en base a unha denuncia do sector hoteleiro. 

En concreto, explica a institución estatal, pola imposición de "condicións non equitativas" aos hoteis a través dunhas "políticas comerciais que poderían ter efectos de exclusión sobre as demais axencias de viaxe en liña" e polas "prácticas que explotarían a situación de dependencia económica que terían os hoteis con respecto a Booking". 

Desde a firma rexeitaron a sanción e aseguraron que recorrerán se finalmente son multados no marco dunha investigación que a CNMC leva a cabo desde outubro de 2022 sobre as prácticas da compañía estadounidense con filial en Amsterdam, a capital neerlandesa. Mentres, todo apunta a que a sanción se fará oficial no mes de xullo, cando "é posíbel que a multa final se incremente". 

Descenso das durmidas en xaneiro

Precisamente, neste contexto de posíbel competencia desleal de empresas como Booking, a Galiza sufriu en xaneiro de 2024 un descenso de 3,2% nas durmidas en hoteis con respecto ao mesmo mes do exercicio anterior, segundo os datos publicados esta sexta feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

A caída na Galiza contrasta coa suba de 6,3% das durmidas en hoteis no conxunto do Estado español. Ademais, a estancia media na Galiza foi de 1,79 días en xaneiro de 2024, lixeiramente por baixo dos 1,82 días dun ano antes, e un día inferior aos 2,92 días da media estatal.

Comentarios