Catro de dez pensións galegas fican por baixo da prestación mínima

Máis de trescentos mil galegos e galegas viven con pouco máis de 700 euros mensuais polo exiguo das súas prestacións

pensions

A contía media das pensións galegas, 12.273 euros, é 11 % inferior á media estatal. Ademais, catro de cada dez están por baixo da pensión mínima. O resultadodisto é que, con dados de 2016, máis de 310.000 persoas que tiveron que vivir con pouco máis de 700 euros ao mes.

Estes son algúns dos principais datos do estudo 'As pensións galegas segundo as fontes tributarias', de Comisións Obreiras. Indícaseno documento que preciben  unha pensión en Galicia case 800.000 persoas, cunha contía media de 12.273 euros.
 

Os datos sobre as pensións tamén reflicten o avellentamento da poboación galega: malia que Galiza só ten 5,8 % dos habitantes de España, reúne 8,2 % das persoas pensionistas.

Cada vez menos e máis vellos

Na Galiza morren máis persoas das que nacen desde 1986. Porén, nos últimos anos a fenda entre nacementos e defuncións non fixo senón aumentar. Neste senso, os dados publicados polo IGE sinalan que entre 2014 e 2015 a diferenza situouse en 1.758 persoas. Así pois, o pasado ano faleceron 31.403 persoas e apenas naceron 19.346. 

Desde o Instituto Galego de Estatística pronostican que o futuro demográfico do país --a oito anos vista-- manterá esta tendencia que mesmo se podería ver acuciada. Así, os seus estudos prevén unha perda poboacional do 4,9% sendo as provincias de Lugo e Ourense as máis prexudicadas, cun 7,3% e 9,6% menos de xente, respectivamente, en 2024. 

Aliás, cifran o avellentamento poboacional en 182%. Isto é, por cada 100 persoas menores de 20 anos na Galiza haberá 182 maiores de 64. De novo o interior será onde este avellentamento se fará máis notábel. De acordo co IGE, "as áreas máis envellecidas serán as situadas na marxe oriental da provincia de Lugo e central da provincia de Ourense. Así, nas comarcas situadas na zona de Os Ancares, A Fonsagrada e Sarria a relación entre menores de 20 e maiores de 64 atoparase moi preto do valor 400 (382 maiores por cada 100 menores). O mesmo acontecerá na zona sur da provincia de Ourense (comarcas da Baixa Limia, A Limia, Terra de Celanova, Verín e Viana), onde o índice de envellecemento proxectado para 2024 situarase en 405,7". 

Comentarios