luns 18/01/21

Catro de cada dez fogares galegos teñen como principal fonte de ingresos as prestacións

Hai case 10.000 fogares máis nesta situación que hai unha década.

Persoas paseando pola praza da Galiza de Compostela (Riobó Prada)
Persoas paseando pola praza da Galiza de Compostela (Riobó Prada)

O 41,8% dos fogares da Galiza teñen nas prestacións a súa principal fontes de ingresos. Unha porcentaxe levemente superior á de fogares nesa situación hai unha década, 2010 ( 41,6%) mais que se traduce en que en 2019 (último ano computado polo Instituto galego de estatística, antes da pandemia) había case 447.000 fogares na Galiza na que a súa vía de ingresos máis importante derivaba das prestacións (xubilación, desemprego, incapacidade,...). Perto de 10.000 fogares máis que en 2010.

Os fogares onde a principal vía de ingresos é o traballo é de 56%. Algo menos de 2% están na categoría de ‘outro tipo’ (onde entran, por exemplo, a percepción de rendas).

Os dados do IGE  sitúan por riba de 440.000 os fogares da Galiza onde eses ingresos por prestacións supoñen máis de 50% da economía familiar.

Se elevamos a porcentaxe de importancia das prestacións na fonte de ingresos a 75% do total, nesta situación están máis de 350.000 fogares.

E coas prestacións como única fonte de ingresos hai no noso país 305.566 fogares, case tres de cada dez.

No que respecta aos rendementos do traballo, eses son a única vía de ingresos en 31% dos fogares da Galiza. En 55,8% esta vía é a principal, mais non a única.

Segundo o IGE, a fenda entre os fogares con vía principal de ingresos nos rendementos do traballo e os de prestacións non é pequena. Así, no primeiro caso a media mensual de ingresos está nos 2.500 euros, mentres que na segunda (as prestacións), sitúase en mil euros menos.

comentarios