Así é a 'cesta da compra' con produtos básicos "a prezos limitados" que propón Yolanda Díaz para paliar a inflación

A medida só afectaría as grandes distribuidoras e non o pequeno comercio, afirma a ministra, que pide que esa cesta de produtos varíe cada semana.
En agosto seguiron medrando os prezos dos alimentos. (Foto: Europa Press)
photo_camera A inflación afecta especialmente os prezos dos alimentos. (Foto: Europa Press)

A vicepresidenta segunda do Goberno estatal e ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, mantivo un encontro esta quinta feira —xunto ao titular de Consumo, Alberto Garzón— co director executivo de Carrefour no Estado español, Alexandre de Palmas, co propósito de analizar a 'cesta da compra' de produtos básicos proposta pola cadea de supermercados para paliar o aumento dos prezos —30 produtos a 30 euros—, unha medida que Díaz pediu trasladar ao resto de distribuidoras.

Dieta variada e prezos conxelados

A vicepresidenta non entrou a valorar o contido da cesta anunciada por Carrefour e limitouse a sinalar as características que debería ter unha cesta da compra con produtos básicos "a prezos limitados ou conxelados".

Así, alén de ser alcanzábel e de calidade e estar dispoñíbel cando menos até despois do Nadal, Díaz afirmou que esta cesta básica da compra debe ser froito dun acordo entre as grandes distribuidoras e "rotar" semanalmente para que a dieta sexa "variada e sa" e de calidade. Aliás, pediu que se oferte tamén unha cesta específica para celíacos.

Só para os grandes comercios

Esta demanda, dixo, vai dirixida ás grandes distribuidoras para que lancen esta cesta "á conta das súas marxes empresariais" e non dos produtores. Tamén indicou que non é unha proposta que vaia enfocada cara ao pequeno comercio, debido a que "non ten capacidade" para asumir o custo.

"De ningunha maneira pode ser esta oferta á conta dos produtores do noso país, tal e como esixe a Lei de Cadea Alimentaria. Isto é á conta da contribución que fan ou deben de facer as empresas que teñen capacidade para iso. O esforzo pedímosllo ás grandes distribuidoras e non ao pequeno comercio, que non ten capacidade para isto", subliñou.

Díaz sinalou que Carrefour España vai estudar as propostas que lles trasladou durante a reunión e aproveitou a súa intervención tamén para convidar os consumidores a acudiren aos seus comercios de proximidade. "Somos conscientes de que o pequeno comercio non pode facer este esforzo e dio alguén que acode e é usuaria do pequeno comercio. As persoas deben comprar nos seus barrios, nos comercios locais de proximidade, con produtos de tempada, pero somos conscientes de que non teñen marxes para poder facer esta oferta", insistiu.

A vicepresidenta reiterou que o que persegue é propiciar un acordo entre as grandes distribuidoras "nun momento de absoluta excepcionalidade, por mor da inflación e sabendo que son as grandes as que teñen marxes empresariais para poder realizalo".

Comentarios