O sector pesqueiro rexeita a política eólica mariña do Estado

O complexo pesqueiro continúa coa súa oposición aos proxectos da eólica mariña. Representantes do sector chegados do todo o Estado reuníronse na xornada de hoxe en Compostela para expresar o seu rexeitamento as propostas en marcha.

 

Construción dun parque eólico mariño na costa dos Países Baixos. (Foto: Kruwt)
photo_camera Construción dun parque eólico mariño na costa dos Países Baixos. (Foto: Kruwt)

A sede da Federación Galega de Confrarías de Pescadores reuniu a representes do sector pesqueiro e de diversas administracións para debater a problemática xerada polos proxectos da eólica mariña.

O encontro contou coa presenza de representantes da administración pesqueira da Galiza, Canarias e do Estado así como de colectivos de pescadores chegados de Andalucía, Asturias, Canarias e Galiza, os territorios máis afectados polos proxectos da eólica mariña.

Os membros dos Gobernos da Galiza, Canarias e o Estado coincidiron na necesidade de coñecer o impacto socioeconómico da eólica mariña “antes de proceder a adoptar decisións sobre a implantación destas industrias nos nosos mares”.

Os colectivos de pescadores agrupados na Mesa en Defensa do Sector Pesqueiro incidiron en ter “en conta a premisa indiscutíbel de non interferir na actividade pesqueira sostíbel que vén desenvolvendo a pesca nas nosas costas”.

A Mesa en Defensa do Sector Pesqueiro considera preciso contar coa “mellor información científica” para proceder a ordenación e desenvolvemento da eólica mariña no Estado e reclama “unir coñecementos científicos sobre afectacións aos ecosistemas”.

As entidades representativas dos pescadores reunidas en Compostela “amosaron a súa total desconformidade co proceder do Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, ao tentar planificar os espazos mariños sen ter en conta a importante riqueza biolóxica dos nosos mares e a importancia socioeconómica da actividade Pesqueira”.

O parque eólico Volanteiro

O encontro desta mañá serviu para presentar as alegacións da Mesa en Defensa do Sector Pesqueiro ao parque eólico mariño Volanteiro,  que a empresa madrileña Capital Energy pretende instalar a preto de 30 quilómetros da costa de Vigo e do Baixo Miño.

O sector pesqueiro rexeita esta instalación porque “afecta directa e indirectamente a máis de 20 caladoiros de pesca, a unha importante actividade pesqueira de embarcacións de palangre, arrastre, volante e artes menores, e en definitiva a un proxecto que só ten como obxectivo a produción de enerxía”.

Comentarios