Multa histórica da UE a Apple: máis de 1.800 millóns por restrinxir plataformas como Spotify

Bruxelas acusa a compañía de actuar como "gardián" do acceso ás aplicacións e abusar dunha posición dominante no mercado da distribución de música en 'streaming'.
Tenda de Apple en Berlín, Alemaña. (Foto: Jens Kalaene / DPA)
photo_camera Tenda de Apple en Berlín, Alemaña. (Foto: Jens Kalaene / DPA)

A Comisión Europea anunciou esta segunda feira unha multa de 1.840 millóns de euros a Apple por abuso de posición na distribución de música en 'streaming' pola forma en que impide a plataformas como Spotify informar os usuarios e usuarias de iPhone ou iPad de formas de subscrición alternativas ao acceso directo desde a tenda en liña que a multinacional instala nos seus dispositivos, a App Store.

"Durante décadas, Apple abusou da súa posición dominante no mercado de música en 'streaming' a través da súa App Store", advertiu a vicepresidenta do Executivo comunitario responsábel de Competencia, Margrethe Vestager, nunha rolda de prensa para anunciar a sanción. A política danesa insistiu en que impedir aos desarrolladores que informasen as e os consumidores sobre ofertas "alternativas e máis baratas dispoñíbeis fóra do ecosistema de Apple" non só é "ilegal", senón que tivo un impacto en "millóns de consumidores europeos" que non puideron "elixir libremente" que servizos contratar.

O caso remóntase a 2022, cando Bruxelas acusou a compañía de actuar como "gardián" do acceso ás aplicacións e abusar dunha posición dominante no mercado da distribución de música en 'streaming'. A compañía foi moi crítica na súa resposta e afirmou nun comunicado que o Executivo comunitario non logrou presentar "ningunha proba críbel" de que as súas prácticas prexudicasen as persoas consumidoras, senón que, pola contra, "ignorou" a realidade dun mercado "próspero, competitivo e que medra rapidamente".

Ademais, Apple carga contra Spotify por considerar que foi o principal promotor desta decisión a pesar de ocupar xa máis da metade (56%) do mercado da música en streaming en Europa sen "pagar nada a Apple polos servizos que lle axudaron a converterse nunha das marcas máis recoñecidas do mundo". Preguntada por iso, Vestager mostrou tamén a súa sorpresa pola contundente reacción de Apple e defendeu que as medidas tomadas por Bruxelas servirán a competidores "pequenos" para quen este caso ten unha "importancia crítica" para poder competir en pé de igualdade.

Non en balde, Bruxelas describe "prácticas desleais" por parte da compañía norteamericana en tanto que durante unha década impuxo restricións que non foron "nin necesarias nin proporcionadas" para protexer os seus intereses comerciais e que supuxeron que moitos usuarios do seu sistema operativo, iOS, tivesen que pagar "prezos netamente máis elevados" polas súas subscricións musicais pola comisión imposta por Apple aos desarrolladores.

En concreto, os servizos comunitarios consideran que Apple impediu a outros desarrolladores informar as e os usuarios de iOS dentro das súas aplicacións sobre os prezos das ofertas de subscrición dispoñíbeis na internet fóra da aplicación. Tamén lle achaca prohibir que informasen os usuarios de iOS dentro das súas aplicacións sobre as diferenzas de prezo entre as subscricións dentro da app vendidas a través do mecanismo de compra dentro da aplicación de Apple e as dispoñíbeis noutros lugares.

A terceira cuestión pola que Bruxelas tomou a decisión é por que a compañía impedise aos desarrolladores alternativos incluír ligazóns nas súas aplicacións que leven as e os usuarios de iOS ao sitio web do desarrollador da aplicación no que se poden comprar subscricións alternativas. Aliás, entende que lles impediu porse en contacto cos seus propios usuarios recentemente adquiridos, por exemplo por correo electrónico, para informar sobre opcións de prezos alternativas após configuraren unha conta.

Comentarios