Siri xa pode ler contidos en galego: así soa Carmela, a nova voz de Apple

A Mesa pola Normalización Lingüística logra que a compañía estadounidense comece a incluír a lingua do país nos seus dispositivos.
O caso de Moraima tivo un importante impacto nas redes sociais.
photo_camera O caso de Moraima tivo un importante impacto nas redes sociais.

—¿Te puedo ayudar en algo más?
—Si, a recoller as cousas.
—Creo que no te entiendo.
—Porque eu falo en galego, sabes, Siri? Ti falas en galego ou en castelán?
—Creo que no te entiendo.

Aquela conversa entre Moraima, unha rapaza compostelá de tres anos, e Siri, a asistente de voz dos dispositivos da compañía Apple, da que se fixera eco o pasado ano Nós Diario, transcendeu as paredes da súa casa e suscitou en todo o país o debate sobre a exclusión da lingua propia en moitos ámbitos da tecnoloxía.

"Que Siri non fale galego é claramente denunciábel. Pero nós cando gravamos a nena falando con Siri na súa lingua materna foi para ter un recordo máis. Porque damos bastante por feito que agora que empeza a escolarización acabará pasándose ao castelán, pola presión doutros nenos e nenas mais tamén da propia escola", sinalara daquela o pai da crianza, Jorge Duarte.

Agora, após as "ducias de denuncias" que presentou a Mesa pola Normalización Lingüística a través da 'Liña do Galego', o sistema é capaz agora de ler contidos en lingua galega.

Polo de agora Siri dispón das voces básicas nas diferentes linguas do Estado español, un servizo que se pode configurar a través dos axustes do dispositivo.

"Isto sen dúbida abre as portas a que nunha futura versión, Siri inclúa soporte para todas as linguas do Estado, que a partir de aquí o traballo consistirá en seguir mellorando esas voces e engadir a comprensión ante ordes de voz", celebrou a Mesa.

Comentarios