O BNG vota en Bruxelas contra unha política pesqueira na UE lesiva para o sector do mar galego

O sector pesqueiro galego seguirá sen ter unha cota acaída ao tamaño da súa flota, e a definición "absolutamente restritiva" da frota artesanal son algunhas das motivacións que fan que o BNG votase en contra da PPC
pesca, barco, mar

O BNG votou en contra da normativa marco da Política Pesqueira Común (PPC) 2014-2020 aprobada polo Parlamento Europeo, ao entender que o documento é "maximalista en termos medioambientais" pero "minimalista en termos sociais", alías de non ten en conta as "graves consecuencias" económicas e de emprego que terá para o sector pesqueiro galego.

"Sen peixes non pode haber pesca, pero tampouco sen mariñeiros"

Entre os principais motivos argumentados pola deputada nacionalista Ana Miranda para xustificar este voto negativo: O reparto de cotas de pesca entre segue sen ter en conta a dimensión real da frota pesqueira que, no caso da galega, é a máis importante de Europa. "Non se toca o status quo en vigor, e a o sector seguirá sen ter unha cota adaptada ao tamaño da nosa frota", lamenta Miranda.

Outra das eivas do documento, salienta Miranda, é que adopta unha definición "absolutamente restritiva" da frota artesanal, que deixa fóra a todas aquelas embarcacións que superen os 12 metros, "desestimando a demanda do BNG de elevar a dimensión aos barcos de 15 metros, mareas de 36 horas e redes selectivas".

 Pesca sustentábel, si, mais tamén en termos sociais

"Sen dúbida defendemos un modelo de pesca sutentábel, pero o cambio de modelo que propón a PPC ten que ir necesariamente acompañado de medidas que permitan ao sector adaptarse sen perder emprego. Sen peixes non pode haber pesca, pero tampouco sen mariñeiros", conclúe Miranda.

Iso si, o BNG valora a proposta de realizar plans plurianuais para a xestión das pesquerías, a distinción entre acuicultura extensiva e industrial, e a inclusión do marisqueo na definición da actividade pesqueira. Igualmente, considera positivo o protagonismo da pesca artesanal e que se priorice o acceso aos caladoiros da frota con artes respectuosas co medio mariño.

Comentarios