O BNG propón que Galiza xestione a Seguridade Social para blindar as pensións

Ana Pontón apresenta unha batería de medidas para mellorar as condicións de vida dos 800.000 pensionistas que hai na Galiza.

DSC_0081
photo_camera Ana Pontón

Galiza debe xestionar directamente o sistema da Seguridade Social e as empresas con centro de traballo no país deben pagar aquí os impostos e as cotizacións sociais. Estas dúas propostas constitúen o núcleo da batería de medidas que, visando blindar as pensións públicas, apresentou esta segunda feira a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón.

O Bloque propón tamén recuperar os 65 anos como idade de xubilación e que o cómputo da pensión se realice tomando como base os 15 mellores anos de cotización, medidas para revertir as contrarreformas do Partido Popular.

Hai máis: a formación frentista quer limitar as "xubilacións anticipadas" por considerar que "están a ser utilizadas polas empresas como un mecanismo de regulación de emprego", denunciou Pontón, ao tempo que propón a implantación dun complemento de 100 euros ao mes con cargo aos orzamentos da Xunta para aumentar as pensións non contributivas. Esta última proposta envolvería unha partida de 40 millóns de euros e beneficiaría 40.000 persoas.

Estas propostas visan non só combater a fraude e garantir que as empresas que traballen na Galiza coticen no país -co conseguinte incremento dos ingresos-, mais tamén ir reducindo a fenda entre as pensións galegas e o promedio das españolas. 

Segundo as estimacións que manexa o BNG, as pensións galegas son as segundas máis baixas do Estado, 892,18 euros ao mes fronte aos 1.071 euros do promedio estatal. "Isto significa que cada persoa pensionista galega perde 2.145 euros ao ano, unha cantidade astronómica para os maiores e para moitas familias que teñen nas pensións a súa única fonte de ingresos, unha realidade social do noso país que é un logro máis da política social de Feijóo”, alega Pontón.

Comentarios