Acordo entre Bruxelas e o Estado español e Portugal: prezo medio do gas de 50 euros mW/h

"É un acordo moi importante para os consumidores domésticos e os industriais", asegurou a ministra Teresa Ribera.
Contadores eléctricos nun edificio. (Foto: Eduardo Parra/Europa Press)
photo_camera Contadores eléctricos nun edificio. (Foto: Eduardo Parra/Europa Press)

Os Gobernos español e portugués veñen de anunciar o principio de acordo alcanzado coa Comisión Europea (CE) para fixar un prezo medio do gas de 50 euros o megaWatt hora (mW/h) durante os vindeiros 12 meses.

Deste maneira, a primeira proposta dos dous países, de 30 euros o mW/h, foi rexeitada por Bruxelas, que elevou ese umbral até os 50 euros, cun período de transición de varias semanas no que se tomarán como referencia os 40 euros mW/h.

A vicepresidenta terceira do Goberno español e ministra para a Transición Ecolóxica (Miteco), Teresa Ribera, foi a encargada de anunciar este acordo, despois de reunirse coa responsábel de Competencia da CE, Margrethe Vestager, nesta terza feira en Bruxelas.

"É un acordo moi importante para os consumidores domésticos e os industriais", asegurou Ribera, quen estivo acompañada polo seu homólogo portugués, Duarte Cordeiro.

Proceso de negociación

A ministra española explicou que o proceso de negociación coa Comisión Europea foi "complexo", pero que partían da "excepción ibérica" acordada hai unhas semanas para o Estado español e Portugal.

"As liñas mestras do acordo están resoltas após semanas de traballo técnico", explicou Ribeira, quen di que agora o seguinte paso é "plasmar os cambios producidos na notificación formal na resposta ás preguntas que a Comisión expón aos dous países".

Segundo a integrante do Executivo de Pedro Sánchez, "antes da fin de semana teremos resolta esta parte formal coa comisión e poderá ser presentado (o acordo) no Consello de Ministras e Ministros cunha aplicación inmediata".

Un dos puntos nos que o Goberno español fixo máis fincapé foi na duración desta medida. Neste sentido, Ribera explicou que obxectivo do Estado español e Portugal é que cubrise cando menos até o remate do vindeiro inverno, en marzo de 2023.

Comentarios