BBVA Research estima un crecemento do PIB galego tres décimas inferior ao estatal para 2023

O servizo de estudos de BBVA revisou á baixa a previsión de crecemento do PIB do Estado español para este ano polo empeoramento da actividade na eurozona.
O peso relativo dos retribucións percibidas polas persoas asalariadas galegas sobre o PIB do país no ano 2021 foi de 46,2%. (Foto: Guillermo).
photo_camera O peso relativo dos retribucións percibidas polas persoas asalariadas galegas sobre o PIB do país no ano 2021 foi de 46,2%. (Foto: Guillermo).

O Produto Interior Bruto (PIB) da Galiza incrementarase por volta de 1,7% en 2024, segundo as previsións de BBVA Research, o que supón dúas décimas máis que a media do Estado estatal, que rexistrará un crecemento de 1,5%. O servizo de estudos de BBVA revisou á baixa a previsión de crecemento do PIB do Estado español para este ano polo empeoramento da actividade na eurozona. Con todo, ten mellores previsións para 2025, cun aumento de 2,5%, en parte, pola mellora da demanda interna, do turismo e da demanda europea.

Para Galiza, espérase que en 2023 o PIB creza un 2,1%, tres décimas menos que o 2,4% do Estado español. En 2024 o dato será superior ao da media das comunidades autónomas, cun 1,7% máis. Con todo, en 2025 BBVA Research prevé un incremento do PIB galego de 2,4%, algo por baixo de 2,5% do total do Estado. En canto ao emprego, o banco espera que o crecemento anual a nivel estatal sexa de 3% en 2023, con 2,1% na Galiza.

En termos xerais, BBVA Research mantén en liñas xerais as estimacións de crecemento para 2023, situando en  2,4% o aumento do PIB para o conxunto do Estado e de 1,5% e 2,5% para 2024 e 2025, respectivamente. Con todo, os últimos datos de conxuntura levan a algunhas correccións.

 

Á alza, destacan os casos de Murcia (+0,3 pp, até 2,1%) e o País Valencià (+0,2pp, até 2,2%) pola fortaleza mostrada nos datos de afiliación, e á baixa, os de Estremadura (-0,3 pp, até 2,0%), Nafarroa (-0,2 pp, até 1,7%) e Balears (-0,2 pp até 2,9%), afectados pola desaceleración na contratación de empregados públicos, unha peor evolución da industria e un comportamento non tan positivo do emprego, respectivamente.

A previsión de crecemento de Canarias e Madrid mantense en 3,0%, e a de Catalunya en 2,7%. Os últimos datos de exportacións e industria xustifican a revisión á alza nunha décima en Castela e León (2,5%), Euskadi (2,0%) e Asturias (2,2%), aínda que non é suficiente para que as últimas dúas crezan máis que o Estado. Pola contra, a lenta recuperación do sector industrial leva a revisións á baixa tamén en Cantabria (até 1,9%).

Pola súa parte, as previsións de crecemento do PIB de 2024 corríxense á baixa de forma xeneralizada ao longo do territorio, como consecuencia dun aumento do consumo que se prevé menor do anticipado no Observatorio Rexional anterior.

Por efecto da desaceleración europea, que lastra as exportacións de bens, e dos elevados custos enerxéticos, as revisións son maiores nas comunidades industriais do norte do Estado, que son máis dependentes do comercio internacional de bens. Como consecuencia, aínda que estas rexións continuarán, na súa maioría, liderando o crecemento en 2024, espérase que o diferencial respecto ao resto sexa menor que o anticipado hai tres meses.

Comentarios