Cada vez máis fogares galegos chegan con "dificultade" ou "moita dificultade" a fin de mes: xa son máis da metade

Os últimos rexistros do IGE evidencian que até 46,4% dos fogares rematan o mes "con dificultade", mentres o 8,9% faino con "moita dificultade".
Traballadores de hostalaría en Santiago (Foto: Arxina).
photo_camera Traballadores de hostalaría en Santiago. (Foto: Arxina)

Case a metade (46,4%) dos fogares galegos chega con dificultade a fin de mes, e 8,9% faio con moita dificultade no segundo trimestre, fronte ao 44,7% que teñen facilidade ou moita facilidade para afrontar os gastos, segundo os datos que publica esta segunda feira o Instituto Galego de Estatística (IGE). Estes últimos rexistros supoñen un incremento dos fogares que chegan con dificultade ou con moita dificultade a fin de mes tanto en variación trimestral como en relación co mesmo período do ano anterior.

Tomando como referencia o trimestre anterior, prodúcese en concreto unha diminución de 1,43 puntos na porcentaxe de fogares que chega con facilidade ou moita facilidade a fin de mes, un aumento de 1,23 puntos no dos que chegan con moita dificultade e outro de 0,2 nos fogares que chegan con dificultade a fin de mes.

A respecto do segundo trimestre do ano 2022, a porcentaxe de fogares que chega con facilidade ou moita facilidade a fin de mes baixa 6,88 puntos porcentuais. A porcentaxe de fogares que chega con dificultade a fin de mes increméntase 3,54 puntos entre ambos os períodos, e o de fogares que chega con moita dificultade medra 3,34 puntos.

Medidas

Até 22,47% dos fogares galegos non se permitiu ningún 'extra' nos tres últimos meses, segundo os mesmos datos do IGE. Teñen a consideración de 'extra' os gastos destinados a vacacións ou viaxes, facer fronte a imprevistos ou grandes compras, extras de alimentación, roupa e calzado, contratar novos servizos para o fogar, saír a cear, ir ao cinema, etcétera. Tamén se inclúe nesta categoría poder aforrar e traballar menos horas ou que algún membro do fogar poida permitirse deixar de traballar.

O 40,45% dos fogares galegos cambiou os seus hábitos de compra comprando marcas brancas, produtos en oferta ou similares no segundo trimestre de 2023. Esta foi a medida económica máis habitual empregada polos fogares para reducir os gastos, aumentar os ingresos ou afrontar pagos neste período.

Ademais, 31,83% dos fogares da Galiza diminuíu outros gastos comúns como roupa e calzado, transporte, gas, electricidade... excepto alimentación.

Vivenda e coche

O 16,63% dos fogares galegos está a pagar a vivenda principal na que habitan, o 8,91% o coche e o 1,97% unha segunda vivenda. Con respecto ao mesmo trimestre de 2022, diminuíu 1,30 puntos a porcentaxe de fogares que están a pagar a súa vivenda habitual.

Confianza

No segundo trimestre de 2023, o indicador de confianza do consumidor reflicte un valor de -12,05 puntos, 8,91 puntos superior que o referido ao trimestre anterior. Neste trimestre non diminuíu ningún do catro indicadores parciais de perspectivas de evolución: o indicador do desemprego rexistrou unha suba de 13,02 puntos, seguido do indicador da situación económica na Galiza, que aumentou 11,74 puntos; do indicador de capacidade futura de aforro, que aumentou 7,53 puntos e do indicador da situación financeira persoal, que aumentou 3,34 puntos.

Comentarios