Aumenta un 10% o consumo de produtos ecolóxicos pola Covid-19

O Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica da Galiza (Craega) deu a coñecer unha enquisa na que se afirma que aumentou o interese polos produtos ecolóxicos. Neste sentido, a estratexia europea avoga por promover este tipo de produción.
Unha muller traballa con tapabocas no Parque do Río Rato, en Lugo (Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Unha muller traballa con tapabocas no Parque do Río Rato, en Lugo (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

En outubro, o pleno do Parlamento Europeo reclamaba medidas para conseguir que os alimentos producidos na Unión Europea (UE) fosen máis sans e sostíbeis, garantir a seguridade alimentaria e mellorar o benestar animal para que o sector contribúa a cumprir os obxectivos do Pacto Verde Europeo.

Con esa idea introduciron a estratexia "Da granxa á mesa", que avoga por ampliar a superficie dedicada a cultivos ecolóxicos de aquí até 2030. O Parlamento Europeo pensa que son necesarias iniciativas de promoción, contratación pública e tributarias para estimular a demanda entre a poboación en xeral. Ademais, defenden a redución na utilización de praguicidas e de fertilizantes.

Aumento do consumo

O último barómetro realizado polo Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica da Galiza (Craega) apunta os cambios de hábitos realizados coa pandemia. Un 1% da poboación galega comezou a alimentarse con produtos ecolóxicos e un 10% aumentou o seu consumo, aínda que a enquisa considera que esta incidencia da Covid-19 "é escasa" ao solaparse as respostas coa motivación por cuestións de saúde. 

Froitas hortalizas e verduras

Á hora de avaliar a aceptación entre as e os consumidores na Galiza dos produtos ecolóxicos, os principais que levan ás súas cestas pasan polas froitas, as hortalizas e as verduras, seguidas de lácteos, ovos, pans, cereais e pastas. A máis distancia está o polo e a carne, segundo esa mesma enquisa do Craega.

Para mercar estes produtos, un 85% das e dos consumidores recorren a supermercados de proximidade. O factor decisivo na súa compra (un 66,7%) é a calidade, mentres os asocian a características como libres de pesticidas e máis sans. A metade das persoas enquisadas declaran ser consumidoras de produtos ecolóxicos, aínda que se reduce ao 38,4% os que din comer alimentos deste tipo todas as semanas nalgún momento. 

A pesar de que as vendas de produtos ecolóxicos aumentaron un 16,8% en 2020 (por valor de 108 millóns), a superficie dedicada a estes cultivos na Galiza experimentou unha caída dun 7%. As hectáreas quedaron nunhas 32.000 (2.682 hectáreas menos que en 2019). O Craega achaca esta situación a que se deron de baixa dúas comunidades de montes das comarcas de Pontevedra. Pola súa banda, as  comarcas de Lugo e Ourense acaparan un 82% da superficie de agricultura ecolóxica. 

Calidade alimentaria e Administracións

As previsións do Goberno galego son de que a Galiza contará en 2022 cunha nova Lei de cadea alimentaria coa intención de reforzar o control contra prácticas desleais na produción e venda, ademais de actualizar o catálogo de infraccións e o procedemento sancionador. Desta maneira, actualizaría a lei de promoción e defensa da calidade alimentaria galega de 2005. 

A Eurocámara, polo seu lado, aprobou unha resolución que recolle a estratexia da folla de ruta da UE para o sector agroalimentario europeo dentro da transición ecolóxica. Nela pídese "mellorar a sustentabilidade en todas e cada unha das fases da cadea de subministración alimentaria" e "redobrar os esforzos" para fortalecer a posición das e dos produtores na cadea de valor para que "poidan levar unha parte xusta dos beneficios obtidos".

Comentarios