Até 31% das empresas galegas aumentaron en 73% os beneficios durante a pandemia

As 36.000 maiores firmas do país mantiveron 96% do emprego coa Covid. Chegaron a ser máis de 230.000 as persoas galegas en situación de ERTE nos meses máis duros do confinamento.
As empresas do sector farmacéutico e da sanidade privada aumentaron os seus beneficios coa crise da pandemia do coronavirus (Foto: Jesús Hellín / Europa Press).
photo_camera As empresas do sector farmacéutico e da sanidade privada aumentaron os seus beneficios coa crise da pandemia do coronavirus (Foto: Jesús Hellín / Europa Press).

Un estudo realizado pola delegación na Galiza do Instituto de Censores Xurados de Contas do Estado español cifrou en 3,78% a perda de emprego no mercado traballo galego pola crise económica derivada do coronavirus. Así mesmo, as 36.000 maiores firmas galegas, en base ás que se obtivo este dato, reduciron o seu beneficio en 69%, mentres que 31% das empresas gañaron 73% máis na crise.

O estudo dos Auditores da Galiza obtén estes datos realizando unha comparativa entre 2020 e 2019. Levado a cabo en colaboración co departamento Ardán do Consorcio da Zona Franca de Vigo, o estudo apunta seis sectores "gañadores" durante a crise do corovanirus, en referencia a aqueles que aumentaron ou mantiveron as vendas "a pesar do confinamento e da hibernación de gran parte da economía".

Este foi o caso das empresas de produción e distribución de produtos químicos, artigos de consumo, automoción e sanidade privada, que aumentaron os seus ingresos en 2020; en tanto que o sector agroalimentario, así como o inmobiliario e financeiro mantiveron a súa facturación de 2020.

O informe alude, ademais, á existencia dunha porcentaxe de 31,2% das empresas (11.210 compañías) que aumentaron os seus beneficios durante a crise e que o fixeron en 73%. Pola contra, os sectores económicos máis prexudicados pola crise do coronavirus na Galiza foron os do turismo e lecer (caída de ingresos de 43%) e téxtil e moda (que perderon 39% dos ingresos).

Emprego

Na presentación do estudo compareceron o presidente de Auditores da Galiza, Enrique González, xunto ao vicepresidente da entidade, Andrés Lucendo, e o máximo responsábel da patronal galega, Juan Manuel Vieites. Ao comezo interveu tamén o presidente da patronal coruñesa, Antonio Fontenla, quen incidiu en que o principal problema para o sector empresarial da Galiza é a "inflación", aínda que trasladou o seu optimismo respecto ao futuro.

Xa en relación ao contido do informe, os seus autores destacaron que as 36.000 principais empresas privadas con sede na Galiza mantivesen 96% dos seus empregos (366.000 das 390.000 persoas traballadoras). Mentres, a súa facturación reduciuse en 15,5% e os seus beneficios caeron até 69% do total.

"A pesar da forte caída da facturación e da caída do beneficio, as compañías galegas mantiveron o emprego", destacou o presidente da Confederación de Empresarios da Galiza, quen aludiu tamén ao "papel fundamental" do persoal traballador.

Pola súa parte, Enrique González resaltou "o papel das empresas que se adaptaron" ao novo contexto, aínda que tamén se referiu á incidencia que a crise polo coronavirus tivo nas comarcas cun peso económico máis grande do sector téxtil. Pola contra, o sur do eixo atlántico acusou unha caída de facturación menor, de 3%, debido á maior presenza de industrias máis beneficiadas (automoción, pesca, industria química e farmacéutica).

“É o noso terceiro grande estudo do tecido empresarial galego, despois de analizar as crises 2008 e 2014 e constatar o mellor comportamento das empresas auditadas fronte ás que non se auditan”, sinalou.

Até 230.000 persoas estiveron en situación de ERTE na pandemia

Unha das cuestións que provocou o mantemento de boa parte do emprego na Galiza durante a crise provocada pola pandemia da Covid foi a posibilidade das empresas de enviar ao seu persoal laboral a unha situación de Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE), sostidos con financiamento público. Chegaron a ser máis de 230.000 as persoas galegas en situación de ERTE nos meses máis duros do confinamento.

Comentarios