Análise

Coches eléctricos e puntos de recarga: unha visión dende Galiza

Quico da Silva é membro do Colectivo de Debate Enerxético Bidán.
Punto de carga de coches eléctricos nunha zona de aparcamento. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Punto de carga de coches eléctricos nunha zona de aparcamento. (Foto: Nós Diario)

No borrador do Plan nacional integrado de enerxía e clima (Pniec) 2023-2030, de xuño de 2023, o Estado Español fixa como obxectivo a electrificación de 5,5 millóns de vehículos eléctricos para o ano 2030, cantidade que supoñemos refírese a furgonetas, motocicletas e coches, pois no caso tractores, camións e similares, salvo sorpresas inesperadas, entendemos que non se abordará de forma significativa a súa electrificación nesta década.

Segundo o anuario 2022 da Dirección Xeral de Tráfico (DXT), no Estado había 31,8 millóns de furgonetas, motocicletas e coches, mentres que na Galiza, para o mesmo tipo de vehículos, tiñamos 1,9 millóns, polo que dos 5,5 millóns a electrificar no Estado corresponderíanos, mantendo a proporción de 2022, uns 332.156, dos que o 83% serían coches.

Cada 60 km

Na Galiza temos uns 735 puntos de recarga, con máis do 80% de carga lenta inferior a 20 kW

O factor fulcral constitúeno os puntos de recarga. Na actualidade, na Galiza temos uns 735, con máis do 80% de carga lenta inferior a 20 kW, cando segundo o "obxectivo 55" da UE deberían ser, neste ano, 2.071 puntos de recarga en funcionamento. De xeito paralelo e no regulamento de infraestrutura de combustibles alternativos do mesmo plan, a UE fixa 2026 como data límite para instalar, cada 60 km, estacións de recarga rápida para coches, furgonetas e vehículos eléctricos pesados, ao longo de todas as estradas que forman a rede transeuropea de transporte; ditas estacións de recarga rápida ou ultrarrápida, con independencia da súa situación, están deseñadas principalmente para vehículos en tránsito, non para a recarga diaria dos coches de uso familiar ou particular.

Ao considerar a proporción de coches de uso persoal en Galicia –862.000 do total comentado–, parece evidente que, para poder dispoñer da súa máxima funcionalidade, a recarga debe facerse en garaxes propios ou alugados, xa que, de pretender facelo en posibles puntos de recarga públicos próximos, saturaríanse con rapidez.

Pois ben, tirando dos datos do Instituto Galego de Estatística, no 2021 había na Galiza 1.068 millóns de fogares principais ou vivendas habituais, cun 36,5% sen praza de garaxe, o 44,2% tiñan unha, mentres que dispoñían de dúas ou máis no 19,3% restante; é dicir, que uns 390.000 fogares galegos teñen poucas ou ningunha posibilidade práctica de comprar un coche eléctrico, pois non somos quen de imaxinar rúas poboadas de puntos de recarga cada tres ou catro metros; e moito menos nunha Galiza, exportadora neta de electricidade, que non é quen de subministrar ou de permitir evacuar a electricidade aos proxectos industriais catalogados como Proxectos de Interese Estratéxico, incluso en zonas tradicionalmente xeradoras que están a afrontar unha outra reconversión industrial que algúns aínda chaman, con hipocrisía e desprezo, "transición xusta", como é o caso das Pontes, que chegou a ter o 21,5% da potencia instalada en Galiza.

Acceso a un coche eléctrico

A consecución do obxectivo do Pniec 2023-2030 depende, en boa medida, do mantemento, en dito período, das axudas actuais para a compra deste tipo de vehículos, ademais do cumprimento mínimo das expectativas no que ten a ver co grao de autonomía e duración das baterías; tamén pode impulsar, de maneira significativa, a compra deste tipo de vehículos de gama baixa-media, o seu uso como segundo coche, se temos en conta que, no 2021, na Galiza había 301.897 familias que tiñan dous para uso persoal.

Como xa temos manifestado noutras ocasións, a mitigación e a adaptación aos efectos do cambio climático esixe grandes esforzos de todo tipo, entre eles económicos, mais non todas imos pagar igual. Así, unha unidade familiar ou persoa de renda media-alta, cunha vivenda individual, será quen de comprar coche eléctrico, dispoñer dun punto de recarga no seu garaxe, instalar módulos fotovoltaicos para recargar o seu vehículo, facer a rehabilitación enerxética da súa vivenda e instalar unha bomba de calor, e todo convenientemente subvencionado, aínda que un recente estudo estima que os ingresos medios brutos anuais das persoas que compran coches eléctricos é de 91.000 euros.

Pola contra, unha familia de renda baixa, que viva nun piso sen garaxe, dificilmente poderá acceder a este tipo de melloras, aínda que pagará, en cartos e en calidade de vida, a súa parte da factura da descarbonización e da transición enerxética; pero iso si, para tirios e troianos, estará a loitar, de xeito exemplar, contra do cambio climático.
Por certo, e que pasará cando cheguen ás nosas vilas os coches do turismo? E onde vai a alternativa da mobilidade colectiva pública na Galiza?

Comentarios