Alu Ibérica loita por manter o control da planta da Coruña

A dirección de Alu Ibérica pide á xuíza que non deixe as plantas da Coruña e Avilés en mans dun administrador xudicial
Traballadores e traballadoras de Alu Ibérica o pasado mes de maio ante os xulgados da Coruña o día da vista do xuízo de Alcoa (Foto: M.Dylan / Europa Press).
photo_camera Traballadores e traballadoras de Alu Ibérica o pasado mes de maio ante os xulgados da Coruña o día da vista do xuízo de Alcoa (Foto: M.Dylan / Europa Press).

A dirección de Alu Ibérica, herdeira das plantas de Alcoa na Coruña e Avilés, non parece estar polo labor de ceder a xestión de ambas as factorías a un administrador xudicial, como así solicitan os seus traballadores. A empresa vén de presentar alegacións ante a titular do Xulgado Central de Instrución número 3 da Audiencia Nacional nas que advirte de que a administración xudicial, en caso de adoptarse, causaría "danos irreversíbeis" para as súas fábricas de aluminio.

Así o traslada nun novo escrito dirixido ao xulgado, con data de 16 de xullo, no que a empresa rexeita a administración xudicial para unhas factorías que a día de hoxe están intervidas.

"Non pode adoptarse unha medida cautelar tan gravosa, daniña e desproporcionada como é a administración xudicial cando faltan os indicios de delito, cando falta de maneira total o orzamento de aparencia de bo dereito nas teses das partes acusadoras que toda a xurisprudencia esixe para impoñer a máis radical medida de administración xudicial", argumentan os letrados da firma investigada pola Audiencia Nacional ante indicios de despatrimonialización após a venda de Alcoa ao fondo suízo Parter.

Neste senso, a dirección de Alu Ibérica asegura que "non hai indicios nin proba algunha de descapitalización nin de insolvencia", cando os indicios de descapitalización son, precisamente, os que levaron á xuíza para tomar a decisión da intervención.

Esixe compensacións

Alu Ibérica, que mantén as fábricas practicamente sen actividade, insiste en que a medida cautelar, "lonxe de protexer as plantas, vai causar danos irreversíbeis" para quen, lembra,  "investiu 5 millóns de euros no seu funcionamento, os cales deberán ser compensados".

Por iso, reclama que se denegue a medida de administración xudicial e, "en todo caso", insta a xuíza a "ordenar a prestación de caución aos solicitantes, con apertura de incidente de cálculo de danos e prexuízos que poden  irrogarse a fin de determinar o monto da caución".

Os traballadores, pola súa banda, exixen a designación dun administrador xudicial para as plantas, mentres instan as Administracións a buscar unha saída industrial para as factorías da Coruña e Avilés.

Comentarios