Os sindicatos exixen unha solución industrial e que se cumpra a sentenza da Audiencia contra Alcoa

Consideran que a resolución evidencia que a operación de venda “foi unha enorme fraude”.

Representantes de Alu Ibérica ante a subdelegación do Goberno do Estado español na Coruña. (Foto: Comité de empresa)
photo_camera Imaxe de arquivo de representantes de Alu Ibérica ante a subdelegación do Goberno do Estado español na Coruña. (Foto: Comité de empresa)

As organizacións sindicais con representación nas fábricas de aluminio da Coruña e Avilés reclaman dos Gobernos solucións industriais que garantan o mantemento dos empregos e poder retomar a actividade produtiva en ambas as dúas factorías.

Esixen tamén que se cumpra cos termos da sentenza da Audiencia Nacional “que declara abertamente que Alcoa intentou eludir as consecuencias do despedimento colectivo do ano 2019 a través dunha venda ficticia das plantas a unha empresa que carecía da solvencia e a seriedade necesarias”.

“Diante da inacción do Ministerio de Industria, da Xunta de Galiza e do Principado de Asturias ante esta enorme fraude cometida”, as organizacións xa avanzaron que continuarán na loita,  promovendo todas as mobilizacións que sexan necesarias, e demandan a convocatoria das mesas de negociación que están paralizadas, para garantir unha solución de futuro.

Reivindican das administracións a posta en marcha dos mecanismos necesarios para avanzar nunha intervención pública que permita buscar un plan industrial que garanta manter todo o emprego e a plena posta en actividade das plantas.

Ademais, vaise solicitar que se activen as garantías contidas no acordo, tendo en conta que a venda foi ficticia e que o Grupo Alcoa segue sendo na realidade o empregador. “

É a Alcoa a quen hai que esixir, a través da Audiencia, que cumpra coa sentenza, aínda que de momento non sexa firme”. Con este obxectivo, solicitarase á Audiencia que aclare a data de cálculo das garantías, que os sindicatos fixan no 31 de xullo de 2019, data na que se materializou a venda das instalacións.

Neste senso, pídese que ás traballadoras e aos traballadores que naquel momento tiñan menos de 53 anos se lles faga entrega ou garantía da cantidade indemnizatoria pactada, e para as persoas maiores de 53, demándase que poña en marcha o plan de rentas previsto, coa achega dos fondos necesarios. Do mesmo modo, advirten que, de non darse solucións para o persoal das fundicións, iniciaranse accións xudiciais para que se activen as garantías en iguais termos e condicións que para o persoal de electrólise.

Comentarios