Como é a nova reforma do mercado eléctrico a UE? Cal é a medida clave e cando entrará en vigor?

A normativa da UE mantén intacto o sistema marxinalista de fixación do custo da electricidade.
Torretas de alta tensión (Foto: Europa Press).
photo_camera Torretas de alta tensión. (Foto: Europa Press).

O Consello e o Parlamento Europeo acordaron esta quinta feira a reforma do mercado eléctrico da Unión Europea (UE), que ten como pretensión que os prezos da enerxía eléctrica dependan menos dos volátiles prezos dos combustíbeis fósiles, protexer as persoas usuarias das subas de custos e acelerar a implantación das enerxías renovábeis.

A proposta é parte dunha reforma máis ampla do deseño do mercado eléctrico da UE, que tamén inclúe unha regulación coa que se busca mellorar a protección contra a manipulación do mercado a través do seguimento e transparencia (Remit) e da que xa se alcanzou un acordo o pasado 16 de novembro.

O acordo provisional, que debe ser aínda apoiado formalmente por ambas as institucións colexisladoras, inclúe os chamados contratos bidireccionais por diferenzas (ou sistemas equivalentes), que se aplicarían aos investimentos en novas instalacións de xeración de enerxía eólica, solar, xeotérmica, hidroeléctrica sen encoros e nuclear tras un período de tres anos despois da entrada en vigor, co fin de manter a seguridade xurídica dos proxectos en curso.

A diferenza dun acordo comercial, un contrato por diferenzas asínase entre un produtor de electricidade e unha autoridade estatal a longo prazo. Os asinantes negocian un intervalo -ou corredor- dentro do cal os prezos da electricidade poden flutuar libremente.

Con esta única limitación dos intervalos, a normativa da UE mantén intacto o sistema marxinalista de fixación do custo da electricidade, que supón que a tecnoloxía de xeración que entra de última na poxa marca o custo para o resto de enerxías, polo que continuarán os chamados "beneficios caídos do ceo".

Comentarios