Os alimentos con rebaixa do IVE non poderán aumentar de prezo

Facua exixe o control do cumprimento da norma.
O sector servizos propiciou o mantemento das cifras de emprego na Galiza, mentres aumentou o paro no resto de sectores (Foto: Europa Press).
photo_camera O sector servizos propiciou o mantemento das cifras de emprego na Galiza, mentres aumentou o paro no resto de sectores (Foto: Europa Press).

A organización Facua-Consumidores en Acción advertiu esta terza feira de que os estabelecementos comerciais non poderán subir os prezos dos alimentos afectados pola baixada do IVE durante polo menos catro meses, prazo que se ampliará até seis se o IVE subxacente de marzo non está por baixo de 5,5%.

O secretario xeral da asociación, Rubén Sánchez, sinalou que, aínda que será moi leve o impacto á baixa que terá a rebaixa do IVE no gasto mensual das familias, o aspecto máis importante da medida é que implica a conxelación dos prezos dos produtos afectados até final de abril ou, de prorrogarse, até que acabe xuño.

"En todo caso, os estabelecementos poderán baixar os prezos deses alimentos durante estes meses, mais nunca subilos a niveis por riba dos que marcasen o 31 de decembro despois de descontarlles a baixada do imposto, salvo que se produzan incrementos nos seus custos", precisou.

Segundo figura no apartado 3 do artigo 72 do decreto aprobado, "a redución do tipo impositivo beneficiará integramente ao consumidor, sen que, por tanto, o importe da redución poida dedicarse total ou parcialmente a incrementar a marxe de beneficio empresarial co consecuente aumento dos prezos na cadea de produción, distribución ou consumo dos produtos".

"A efectividade desta medida verificarase mediante un sistema de seguimento da evolución dos prezos, independentemente das actuacións que corresponda realizar á Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC) no ámbito das súas competencias", segue o artigo.

Facua solicita que se controle o cumprimento da baixada do IVE

Desta forma, Facua mostrou a súa esperanza en que Competencia desenvolva e realice seguimentos dos prezos desde a última semana de decembro para controlar o cumprimento da norma.

Ademais, reclamou ás autoridades de protección ao consumidor das autonomías que inspeccionen os prezos e trasladen á CNMC as irregularidades. Así mesmo, a organización instou as persoas usuarias a que denuncien ante a CNMC aqueles estabelecementos que non repercutan a baixada do IVE ao prezo dos alimentos.

Comentarios