As panadarías lanzan un berro de alarma polo incremento de gastos que padecen

O custo de produción dunha barra de pan chegou a duplicarse en 2022.
A panadaría Pallares, no municipio de Sarria, é un negocio familiar que produce pan artesán e leva aberto desde o ano 1876 (Foto: Panadaría Pallares).
photo_camera A panadaría Pallares, no municipio de Sarria, é un negocio familiar que produce pan artesán e leva aberto desde o ano 1876 (Foto: Panadaría Pallares).

A Confederación española de panadaría, pastelaría, bolaría e afíns (Ceoppan) alertou do fechamento de máis de 600 estabelecementos a nivel estatal polo forte incremento dos custos de produción, polo que convocou esta terza feira un novo apagado de fornos entre as 12 e as 12.15 horas, dentro da campaña 'Que non se apague o Nadal' para reclamar axudas das Administracións.

A organización lembrou nun comunicado os enormes incrementos de custos "sen precedentes" experimentados nos últimos meses, que están a levar "ao límite" as pequenas e medianas empresas do sector.

Un sector sen axudas

O colectivo estatal sinala que aínda que os custos enerxéticos se moderaron, todo fai supor que ao longo deste ano volverán alcanzar valores "insoportábeis", aos que se unen os custos das materias primas e outros servizos que seguen subindo de tal maneira que moitas destas empresas non están a ser capaces de elaborar os seus produtos do Nadal como en anos anteriores.

Así, Ceoppan salienta que se están adoptando medidas tanto para compensar os custos da electricidade dos sectores de gran consumo enerxético, así como axudas para o transporte por estrada a outros sectores. Porén, lamenta, a pesar de que a panadaría é un negocio intensivo en enerxía, e de que unha gran porcentaxe dos seus produtos se distribúe por estrada aos municipios, as empresas deste sector seguen sen estar cubertas por estas medidas.

"Un apagamento de 15 minutos non é suficiente"

María Pilar García Piñeiro, xerente da panadaría Pallares, no municipio de Sarria, sinala a Nós Diario que as diversas asociacións do sector non secundan a protesta. "Nós xa participamos nun destes apagamentos de 15 minutos, e este tipo de protestas non son para nada suficientes nin case simbólicas, eu creo que deberíamos premer algo máis, porque se non se apoia un traballo tan duro coma este para que poida obter algún beneficio, non lle vexo moito futuro á panadaría", sinala a xerente do negocio do municipio de Sarria.

"Moitas panadarías vense obrigadas a fechar porque hai máis gastos que beneficios", láiase García Piñeiro. "Non só subiu a fariña, até 36%, senón tamén outras cousas ás que ao mellor se lles dá menor importancia, como o papel e o cartón, e por exemplo o custo do azucre dobrouse", explica García Piñeiro. 

"A leña e os pellets, que duplicaron o prezo, nótanse moito neste sector, e a luz, aínda que agora pegou un baixón na última factura, vense acusando durante o último ano". "En resumo,subiron todos os nosos custos de produción", afirma a panadeira.

"Producir unha barra de pan custa case o dobre, depende de que pan fagas, no caso de traballar con centeo do país a suba pode chegar a 100%, se é con outro tipo de fariñas o incremento de custos ronda entre 70 e 80%", relata a responsábel de Pallares. 

"Este ano subimos os prezos dúas veces, nós comprendemos como está a situación social e non repercutimos todo o que se tiña que repercutir, algo si, uns céntimos incrementamos para ir aguantando mais tampouco sabemos até cando poderemos seguir", explica García Piñeiro. 

"As Administracións deberían facer algo para salvar o sector"

"A xente que ten fornos de gas, paga agora o triplo pola factura, imaxinemos que no canto de chegar 3.000 euros a pagar, chegan 9.000 euros: é moi complicado", explica María Pilar García Piñeiro, xerente da panadaría Pallares, en Sarria.

"Se non tes unha clientela moi extensa, agora ao ficarmos sen a subvención -de 20 céntimos por litro nos combustíbeis- as panadarías de pequenos municipios que basean o seu modelo de negocio no reparto non sei se darán aguantado", láiase. "Incluso nas grandes cidades non están ben, alí o incremento do custo do reparto tamén lle chega, todo o mundo está tocado", afirma.

"A nós nunca nos dan axuda para nada, as panadarías parece que non temos dereito, e eu creo que as Administracións deberían facer algo para salvar o noso sector, é moi triste que feche todo o mundo", denuncia a rexente de Pallares.

Comentarios