Alcoa mantén o suspense sobre San Cibrao a un mes de coñecer o ditame do Supremo

Os traballadores de Alcoa en San Cibrao deciden a semana que entra se retoman a folga. Será o día 20 de setembro, o mesmo no que a multinacional comezará a conta atrás dun mes até coñecer a resolución do recurso que presentou no Supremo contra a decisión do TSXG que anulaba o ERE na planta galega. 
Vista da planta de Alcoa en San Cibrao.
photo_camera Vista da planta de Alcoa en San Cibrao. (Foto: Arxina)

O próximo día 20 de setembro comezará a conta atrás dun mes para que o Tribunal Supremo se  pronuncie sobre o recurso de Alcoa á decisión do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) de anular o despedimento colectivo presentado pola multinacional estadounidense para a planta de aluminio de San Cibrao (Cervo) e que afecta 524 traballadores e traballadoras. 

A idea de Alcoa, como xa denunciaran en moitas ocasións os representantes do cadro de persoal, e fechar a factoría, pero desde o comité e o Ministerio de Industria confían en que a compañía poida cambiar de opinión e acceder a una venda. 

Xa o intentaran hai máis dun ano, cando a británica Liberty House estivo a piques de fechar a compravenda da factoría da Mariña, pero as pretensións de Alcoa, ás que tratou de achegarse tamén o propio Ministerio, fixeron imposíbel a operación. 

No medio desta disputa para garantir a continuidade da actividade industrial en San Cibrao, a Audiencia Nacional abriu unha investigación á propietaria das antigas plantas de Alcoa na Coruña e Avilés que salpicou a firma norteamericana

Isto levou a que Alcoa sumase nas súas peticións unha sorte de salvagarda xudicial que lle protexa ante posíbeis responsabilidades xurídicas futuras.

Se Alcoa quere 

Desde o Goberno español, recoñecen que a solución a este conflito non está nas súas mans. "Haberá solución se Alcoa quere que haxa solución", indicaba esta mesma semana a ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, quen lembraba tamén que xa se rexeitou hai un ano a intervención pública por parte da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI), tal e como solicitaban os traballadores, tanto no caso de Alcoa en San Cibrao, como no de Alu Ibérica na Coruña.

Con todo, e segundo deixou entrever na súa intervención na comisión de industria, comercio e turismo do Congreso das Deputadas, a resposta da empresa á última proposta "dista moito de que Alcoa queira buscar esa solución", o que volvería demostrar que, igual que fixo no anterior proceso de venda, previo á folga convocada polo persoal de Cervo e suspendida precisamente até este 20 de setembro á espera de avances, a multinacional do Aluminio só está a gañar tempo até coñecer do Supremo se finalmente pode fechar a planta de aluminio primario de San Cibrao.

O papel da SEPI

No transcurso da comisión, o deputado do BNG, Néstor Rego, preguntou a ministra sobre o papel que pode xogar a SEPI neste conflito, ao que Maroto respondeu que "non se dan as condicións neste momento, pero cando se volvan a dar non lle caiba dúbida de que a  SEPI estará onde ten que estar", indicou sen dar máis pistas da súa postura. Tan só apuntou que o papel da  SEPI "foi moi importante" o ano pasado na confección dunha folla de ruta industrial, pero "Alcoa dixo que non á intervención", engadiu.

O que si confirmou a titular de Industria é que sobre a mesa existen actualmente "catro ofertas" para a venda da empresa, pero que esta saída pasa por que Alcoa acepte as condicións. "Haberá solución se quere que haxa", insistiu Maroto.

Pola súa banda, desde o comité de empresa de Alcoa en San Cibrao, o seu presidente, José Antonio Zan, segue á espera dunha reunión multilateral entre Alcoa, Goberno español, Xunta e representantes dos traballadores para tratar de  desbloquear a venda da planta de aluminio.

Segundo sinala, "non hai acordo ningún" entre Alcoa e Ministerio de Industria, que manteñen "posicións moi afastadas".

Unha das chaves do futuro da factoría será o prezo da luz. Neste senso, Zan reclama o Executivo estatal que"garanta" que vai poñer un marco enerxético viábel, "coa mesma garantía" de que a operación a faga a SEPI, pois con iso "temos unha solución á planta", afirmou.

Tamén ve necesario que a Xunta garanta que vai apoiar acordos de compra de enerxía a longo prazo ( PPA), o que unido aos posíbeis descontos e a un prezo competitivo da luz que faga a planta "viábel", non deixaría Alcoa "escusa ningunha para non facer a operación".

Comentarios