Alcoa e sindicatos demostran que a venda de San Cibrao segue sen estar despexada

Alcoa e os sindicatos insisten en que o mellor modo de garantir os empregos e a viabilidade futura da planta de San Cibrao pasa por que a SEPI se faga coa titularidade, aínda que sexa de forma temporal.
Os traballadores de Alcoa en San Cibrao din que continuarán coas protestas até que o Ministerio de Industria explique os seus plans (Foto: Arxina/Europa Press).
photo_camera Os traballadores de Alcoa en San Cibrao continuarán coas protestas até que Industria explique os seus plans. (Foto: Arxina / Europa Press).

A ministra de Industria, Reyes  Maroto, tratou de vender a idea de que Alcoa estaba disposta a desbloquear o proceso de venda da planta de San Cibrao (Cervo), pero nada máis lonxe da realidade. O que parecía un cambio de postura por parte da multinacional do aluminio, disposta a vender directamente a un terceiro sen pasar pola Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI), como afirmaba a ministra após a reunión, non foi tal.

Pouco despois das súas declaracións, Alcoa emitiu un comunicado no que explicaba que o seu conselleiro delegado, Roy Harvey, accedera a revisar a proposta do Goberno español, que inclúe ferramentas de acompañamento públicas para garantir a continuidade do proxecto industrial, mais aclaraba que o directivo de Alcoa non se comprometera a realizar unha venda directa a un terceiro, opción que xa desbotara días atrás. 

A empresa está convencida de que a venda da planta a SEPI "é a forma de dar maior seguridade, tanto aos traballadores como á empresa, de que a venda conta co apoio do Goberno español", para evitar situacións como a que están a vivir na actualidade os traballadores das antigas plantas de Alcoa na Coruña e Avilés, en mans de Alu Ibérica.

Resposta sindical

Pola súa banda, o comité de empresa, que coincidindo coa reunión realizou varios actos de protesta na Mariña, defende a postura de Alcoa. O seu presidente, José Antonio Zan (CCOO), indicou que o persoal ten claro que o Goberno español debe comprar a planta de Cervo a través da SEPI para logo venderlla a un terceiro.

Con todo, Zan indicou que "non se trata de vender a SEPI ou a un terceiro, aquí trátase de poñer un marco regulador desa venda". Nesta liña, aclara que a compra por parte da SEPI dá garantías aos traballadores, ao comprador e á parte vendedora (Alcoa), mentres que na proposta de vender directamente a un terceiro, como agora defende o Ministerio, está o marco por definir, e os traballadores queren ter garantías para que non aconteza o mesmo que na Coruña e queden "aos pés dos cabalos".  

Os traballadores xa anunciaron que seguirán coas mobilizacións mentres o Ministerio non concrete os seus plans. "O que temos claro é que o Goberno ten a oportunidade de comprar a empresa e o que ten que facer é comprala a través da  SEPI e logo vendela a un terceiro, que é o que dixo o Parlamento (galego) e o Congreso dos Deputados", insistiu Zan.

Desde a CIG acollen "con cautela" o anuncio da ministra do desbloqueo das negociacións e amosan a súa preocupación pola tardanza dunha solución, que Maroto fixa para antes do 30 de setembro. “Esperamos que este anuncio non sexa un intento de gañar tempo por ningunha das partes implicadas e que desta vez si se materialice nunha rápida solución para a fábrica de aluminio”, sinalou o seu secretario xeral, Paulo Carril.

O sindicato tamén defende que a fórmula ideal para garantir o éxito desta operación é que a SEPI adquira as instalacións e, a través da empresa pública, buscar o mellor grupo comprador, coa calma necesaria para non cometer os mesmos erros que na Coruña e Avilés.

Comentarios