Os altos prezos do aluminio no mercado non evitan a crise industrial na Galiza

Alcoa e Alu Ibérica agardan por despexar o seu futuro mentres o prezo do aluminio marca máximos históricos no mercado e roza 3.000 dólares por tonelada.
A escaseza de aluminio pode provocar que o prezo deste metal continúe a súa escalada nos mercados internacionais (Foto: Europa Press).
photo_camera A escaseza de aluminio pode provocar que o prezo deste metal continúe a súa escalada nos mercados internacionais. (Foto: Europa Press)

O prezo do aluminio achégase aos 3.000 dólares por tonelada nos mercados cando hai só nove meses loitaba para superar os 2.000 dólares. Este ascenso imparábel do metal prodúcese nun contexto no que as empresas galegas do sector afrontan de diversa maneira o seu futuro. 

Mentres Alcoa e Alu Ibérica, as grandes produtoras, están a expensas de manter a actividade nas súas fábricas, outras firmas do sector, como Exlabesa, Extrugasa ou Cortizo, especializadas na fabricación de perfís de aluminio, prevén fortes investimentos para seguir medrando e aumentar os seus beneficios. 

Con Alcoa e Alu Ibérica paradas, a Galiza está a deixar pasar a oportunidade de garantir actividade en dúas plantas que durante os meses máis duros da pandemia foron consideradas esenciais, co impacto que iso tería no emprego e na xeración de riqueza. 

Porén, a falla dunha política industrial clara por parte da Xunta, co Igape case desaparecido, e a complicidade do Ministerio de Industria, cunha Sociedade Estatal de Participacións Industriais que non se atreve a dar o paso de intervir as factorías, como pediron en numerosas ocasións desde os seus comités, condena Alcoa e Alu Ibérica a un futuro incerto. 

No caso da planta da Mariña, a multinacional norteamericana Alcoa logrou o seu obxectivo de adiar a venda da factoría até coñecer o pronunciamento do Tribunal Supremo sobre o recurso presentado contra a decisión do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) de anular o ERE para os 524 traballadores e traballadoras da planta de aluminio primario, a única de todo o Estado español.

Onte mesmo, o secretario xeral de Industria, Raül Blanco, afirmou que o Goberno traballa para atopar unha solución para as plantas de Alu Ibérica, na Coruña, e de Alcoa, en Cervo.

No caso de Alu Ibérica, sen actividade desde hai meses e cos traballadores na casa e á espera dun ERTE, Blanco sinalou que o administrador xudicial "está a traballar" e que "hai que ver que solucións vanse abrindo". E aínda que se mostrou confiado en que a haberá, apelou á prudencia nestes momentos. Respecto Alcoa, espera que haxa "novidades", pero insistiu en que é algo que está nas mans da multinacional norteamericana, polo que "haberá solución" para a planta galega "se Alcoa quere".

Clientela en crecemento

No lado contrario está a súa clientela, firmas galegas que teñen no aluminio a súa principal materia prima. Quitando a automoción, afectada pola 'crise dos microchips', a construción, e nomeadamente as empresas de perfilería, están a experimentar un forte crecemento.

Exlabesa, Extrugasa e Cortizo teñen na actualidade plans en marcha para ampliar a súa capacidade de produción. Exlabesa incluirá unha nova liña de extrusión nas súas instalacións da Picaraña (Padrón). O seu 'veciño' Aluminios Cortizo, con sede na parroquia de Extramundi dese concello, inviste 51 millóns de euros para triplicar a súa capacidade de produción para 2025.

Por último, Extrugasa, que  destina 15 millóns de euros  a novas instalacións, vén de reservar terreos en Cuntis para seguir medrando fóra de Valga.

Comentarios