Alcoa ou o incerto futuro da grande industria do aluminio na Galiza

A industria galega do aluminio semella xogar o seu último partido. Alú Ibérica (antiga Alcoa na Coruña e Avilés) está no medio dun litixio de compra-venda entre a propia Alcoa, o grupo suízo Parter e o Grupo Riesgo. A factoría de Alcoa, polo seu lado, continúa á espera de que mude o seu futuro pendente da aposta das Administracións. 
Instalacións de Alcoa en San Cibrao (Europa Press)
photo_camera Instalacións de Alcoa en San Cibrao (Europa Press)

A multinacional estadounidense Alcoa, con tres plantas distribuídas entre A Coruña, San Cibrao (Cervo) e Avilés, mantivo durante 22 anos o maior imperio do sector após conseguir facerse cos activos de Industria Española do Aluminio (Inespal). O capital humano para a fabricación deste material está formado por un cadro de persoal de 661 persoas en San Cibrao, 369 na Coruña e 317 en Avilés. 

A venda das fábricas da Coruña e Avilés (Alú Ibérica) ao fondo suízo Parter en 2019 e a súa venda posterior ao grupo industrial Riesgo, xunto á situación de incerteza na de San Cibrao, abriron estes meses demasiadas frontes no futuro da maior empresa de aluminio do Estado español

Alcoa contra a venda de Alú Ibérica a Riesgo

Desde a multinacional norteamericana consideran que a venda das plantas da Coruña e Avilés ao Grupo Riesgo incumpren o acordo selado con Parter polo que anunciou que paralizaba os pagos periódicos comprometidos nas contas de Alú Ibérica. 

O comité de empresa da planta na Coruña, polo seu lado,  solicita a intervención directa da actividade por parte do Ministerio de Industria por considerar que ten esa responsabilidade logo de ser avalista da operación entre Alcoa e Parter. Nestes días varias iniciativas seguen esa dirección, como a proposta de Esquerda Unida (EU) de presentar mocións nos municipios da área metropolitana da Coruña.   

Alcoa San Cibrao

A última posición coñecida de Alcoa en relación á planta de San Cibrao veu da man do seu propio presidente no Estado español, Álvaro Dorado, que mantivo unha reunión telemática co comité de empresa. Nela a multinacional explicou que as medidas que se tomaron foron para manter a liquidez após perdas por valor de 50 millóns de dólares por planta. Tamén criticaba a "falta de compromiso" do Goberno español en relación ao Estatuto de electrointensivas. 

Desde o comité de empresa, que preside José Antonio Zan, de CCOO, solicitaron a Dorado que non pararan cubas en Electrólise polas consecuencias que ten esta medida que desde Alcoa apuntan como "temporal". Desde o comité pediron unha entrevista urxente co presidente da Xunta para exixir que o compromiso da Administración galega de subvencionar 30% do gas da fábrica estea ligado ao mantemento da actividade produtiva da mesma.    

Protesta simbólica

Membros do comité de empresa da factoría de Alcoa en San Cibrao volveron  protestar esta sexta feira de maneira simbólica na defensa do emprego e contra o desmantelamento destas instalacións. Participaron delegadas e delegados da CIG e tamén das auxiliares Cyrgasa e Reymogasa, inmersas no período de consultas dun expediente de regulación temporal de emprego que afecta 50 operarias e operarios. Desde a central nacionalista protestan contra "a decisión da multinacional do aluminio de non reconstruír as cubas de electrólises ao final da súa vida útil". Denuncian que se avanza no plan de desmantelamento da factoría e como consecuencia "morrerán" 90 das 512 cubas que hai.

Desmantelamento en tempos da COVID-19

Desde a CIG temen "que se aproveite a emerxencia sanitaria para continuar co desmantelamento da factoría" e que a multinacional en San Cibrao "siga un proceso similar ao levado a cabo nas plantas da Coruña e Avilés". Apuntan que se suspenderon as horas extraordinarias e a promoción da presentación das mocións de apoio en todos os concellos da Mariña para intervir na defensa dos empregos e da actividade industrial. "Alcoa non ten que eliminar ningún posto e debe recolocar ao persoal noutras actividades", sinalan desde a CIG.

Comentarios