xoves 02.07.2020

Protestas contra o "desmantelamento" da factoría de Alcoa en San Cibrao

Coincidindo co inicio do período de consultas dos ERTE en Cyrgasa e Reymogasa, membros do comité de empresa e do sindicato CIG manifestáronse "simbolicamente", ademais, "en defensa do emprego".
Acción-Alcoa
Acción-Alcoa

Membros do comité de Cyrgasa e delegados e delegadas da CIG nas auxiliares de Alcoa San Cibrao realizaron esta mañá unha acción de protesta simbólica en defensa do emprego e contra o desmantelamento da factoría.

A acción consistiu nun reparto de follas informativas entre os traballadores e as traballadoras que entraban na quenda da mañá e desenvolveuse coincidindo co inicio do período de consultas dos ERTE presentados polas auxiliares Cyrgasa e Reymogasa, que afectarán 50 operarios/as.

Medidas de protesta

Esta acción fai parte das medidas contra a decisión da multinacional do aluminio de non reconstruír as cubas de electrólise ao remate da súa vida útil, "avanzando así no plan de desmantelamento da factoría de San Cibrao".

A CIG advertiu que esta medida suporá que, de aquí até final de ano, "90 das 512 cubas que hai estarán mortas, ademais de ter consecuencia directa sobre os empregos dos 50 traballadores e traballadoras de Cyrgasa e Reymogasa que se dedican as tarefas de rebrascaxe".

De feito, a protesta desta sexta feira realizouse coincidindo co inicio do período de consultas do ERTE presentado por estas auxiliares. "Alcoa aprovéitase da emerxencia sanitaria da Covid19 para continuar co desmantelamento da factoría, seguindo un proceso similar ao levado a cabo nas plantas da Coruña e Avilés", advírtese na folla repartida hoxe.

Dentro das medidas de resposta á decisión de Alcoa acordouse tamén a suspensión das horas extraordinarias e promover a presentación de mocións de apoio en todos os concellos da Mariña, instando, entre outras demandas, a Xunta e o Goberno español a intervir na defensa dos empregos e da actividade industrial.

comentarios