A CIG denuncia que Alcoa "comeza a deixar morrer a fábrica de San Cibrao"

O sindicato e a Plataforma de auxiliares rexeitan a decisión da empresa de non reconstruír as cubas
Fabrica de Alcoa na localidade de San Cibrao (Foto: Nós Diario).
photo_camera Fabrica de Alcoa na localidade de San Cibrao (Foto: Nós Diario).

A dirección de Alcoa facía público na xornada de onte que a partir de agora non reconstruirá as cubas de electrólise que cheguen ao final da súa vida útil na fábrica de San Cibrao.

A sección sindical da CIG explica que isto significa parar unha media de 6,5 cubras ao mes “o que, sumado ás que xa ten apagadas, supón que de aquí a final de ano 90 das 512 cubas que hai estarán mortas”. Tanto os delegados e delegados da central nacionalista como a Plataforma coordinadora de traballadoras das auxiliares xa amosaron o seu rexeitamento a esta decisión e demandan da multinacional “que reconsidere canto antes esta medida, pois de non facelo o peche da fabrica é inevitábel”.

Para a representación da CIG a lectura deste anuncio é fácil: “Alcoa comezou a deixar morrer a factoría”. A dirección, explican, alega a situación actual do mercado cunha baixada do 20% no prezo do aluminio a consecuencia da crise económica xerada pola Covid19. “A empresa dixo que se trataba dunha medida temporal, pero preguntada pola CIG sobre a duración da mesma manifestou que, se ben coñecía a data de inicio non así a de finalización, e que esta dependerá da evolución do mercado”, sinala a sección sindical.

A decisión afecta xa a 50 traballadores de auxiliares

A medida ten xa repercusión directa sobre os preto de 50 persoas da industria auxiliar que se dedican á reconstrución das cubas “e que no mellor dos casos se ven abocados de inmediato a un ERTE”. Diante disto, a Plataforma coordinadora das auxiliares solicitou da dirección de Alcoa e da dirección das empresas auxiliares involucradas “un compromiso social coa comarca, que ningún traballador vexa eliminado o seu posto e que o persoal afectado sexa recolocado noutras actividades dentro da factoría. Ou, como mínimo, o compromiso de que ningún traballador verá reducida a súa capacidade adquisitiva”.

A este respecto, a Plataforma subliña que unha vez máis o primeiro colectivo laboral en recibir o impacto das medidas de axuste “é o eslavón máis débil da cadea, o persoal das auxiliares”.  Por iso, demandan a Alcoa  que sexa clara sobre cales son as intencións e cal é o plan de futuro que manexa para a factoría.

“O anuncio de parada de cubas, cando chegan o fin do ciclo de vida útil, parece unha mostra do desinterese para volvelas  poñer en funcionamento en canto o mercado mundial se reactive; de haber interese por arrancalas, estas cubas seguirían o proceso de desbrascaxe e realización do mantemento ordinario para o seu arranque inmediato en canto o mercado o 'permita'”, valoran.

Redución do mantemento e das inversións

En canto á repercusión sobre o persoal da principal, a empresa comunicou que nestes momentos non se verá afectado “pero todas e todos dámonos conta que, de non cambiar a decisión, afectaranos nun futuro inmediato”, alerta a sección sindical da CIG en Alcoa.
Porque ademais, engaden, a dirección tamén anunciou a redución do mantemento non esencial así como das inversións a nivel global. “Mais cando lle preguntamos sobre estas cuestións non soubo, ou non quixo, concretar en que se traducen estes recortes en San Cibrao”.

Esixen o compromiso de Alcoa coa comarca

A valoración que a CIG fai desta medida “non pode ser máis negativa” e tanto dende a sección sindical como dende a Plataforma de auxiliares puxeron o acento nas mobilizacións que traballadores e traballadoras e o conxunto da comarca estiveron realizando para esixir unha tarifa eléctrica industrial máis xusta, estábel e predicíbel. “É pois, agora, o momento de que Alcoa devolva ese compromiso evitando que as medidas teñan repercusións sobre o emprego tanto da propia Alcoa como das auxiliares”.

De igual maneira, dende a Plataforma trasladaron o total apoio aos traballadores afectados e aos delegados sindicais de ditas empresas e reafirmaron o compromiso na defensa de todos os empregos.

Comentarios