Alcoa manterá "confidencial" o proceso de venda da fábrica

Fontes da multinacional afirman que informarán do proceso de venda "ao seu debido tempo aos implicados". Mentres, a CIG demanda que se faga o estudo sobre a balsa.
Planta de Alcoa San Cibrao. (Foto: Europa Press)
photo_camera Planta de Alcoa San Cibrao. (Foto: Europa Press)

Alcoa asegurou onte que só considerarán efectuar unha venda “baixo condicións específicas que permitan unha transferencia 'exitosa' do complexo e que inclúa garantías tanto para os traballadores como para nós", segundo explican fontes da compañía a Europa Press.

A multinacional asegura que recibiu en maio ofertas non vinculantes que poderían ser vinculantes a partir de xuño, segundo a estimación realizada pola compañía.

"Estamos comprometidos a seguir traballando xunto a todos as partes implicadas para atopar unha solución que asegure a viabilidade económica a longo prazo das operacións en San Cibrao", expoñen as mesmas fontes.

Porén, rexeitan dar detalles que, afirman, “se manterán confidenciais” e informarase delas "ao seu debido tempo aos implicados no proceso". Neste sentido, a pasada semana, o presidente de Alcoa, William Oplinger, advertiu de que "o éxito" de venda "depende da participación do Goberno e da flexibilidade sindical". 

Sen estudo da balsa

Desde o comité de empresa, pola súa parte, seguen sen ter máis noticias sobre o proceso despois de que o pasado 16 de maio finalizase o prazo estabelecido para a presentación de ofertas.

Ademais, a CIG urxiu a pasada segunda feira a Alcoa para que realice o estudo sobre a balsa de residuos posto que “non está garantida que a Xunta acepte como válido” se non hai outro estudo.

Nun  comunicado afirmaron que “de aceptar Alcoa agora a cualificación por parte da Xunta da Galiza como residuo perigoso, unha posíbel revisión da clasificación a posteriori sería difícil”. Ante esta situación, a central nacionalista exixe a Alcoa “que aprobe a inversión xa en xuño, antes de ter a categorización da Xunta".

Comentarios