Sánchez Aguión: "CC OO quere visualizarse como un instrumento útil para a clase traballadora''

Falamos co secretario xeral do sindicato en Galiza, que vén de revalidar o seu cargo por outros catro anos no congreso realizado esta sexta feira


O coruñés Xosé Manuel Sánchez Aguión vén de revalidar o seu cargo na secretaría xeral de Comisións Obreiras na Galiza co 70% dos apoios. A súa candidatura acadou tamén 11 dos 15 postos na Executiva.

Militante deste sindicato desde 1976, leva á cabeza desde marzo de 2009, cando substituíu a Xan María Castro. Malia a situación socioeconómica en que se atopa o País, confesa que confía aínda no diálogo e, fronte ás mobilizacións, apela á prudencia.

P: Primeiro de nada, parabéns polo (re)nomeamento.

R: Agradezo moito a proba de confianza que me brindou a militancia respecto da miña xestión pasada e tamén de cara ao futuro. Na nosa organización temos recollido nos estatutos que calquera posición que acade o 10% dos delegados, neste caso eran 25 o mínimo, pode presentar alternativa en calquera dos órganos que se elixen.

Con todo, nós vivimos isto con absoluta normalidade. Navegamos ben, na pluralidade e na adversidade, e os congresos sirven para iso, para expresar todas as sensibilidades que existen no sindicato. O congreso acabou onte e agora todos a traballar a reo para intentar parar esta tolemia de xestión que o PP está a facer da crise e que está a levar este País á ruína.

P: O lema do congreso foi Respostas fronte á crise. Cantas sería quen de me dar?

R: [ri] Douche unha que as resume todo o que queremos dicir: que hai alternativas e saídas distintas para saír desta crise. É certo que non existen as fórmulas máxicas, mais distínguense medidas xustas e medidas inxustas. As que está a desenvolver o PP tanto en Galiza como a nivel de Estado van polo camiño da desigualdade e carrexan unha tremenda carga ideolóxica.

"Toca traballar a reo para intentar parar esta tolemia de xestión que o PP está a facer da crise e que leva este País á ruína"

Están a aproveitar a crise para desmantelar o noso estado do benestar ou, dito doutro xeito, para transvasar recursos públicos a entidades privadas.

As alternativas? Facer unha política fiscal distinta, que paguen máis os que máis teñen e que o sector público actúe como motor da economía para xerar emprego de calidade. O pagamento da débeda pódese renegociar, aprazalo de tal maneira que os sacrificios aos que se somete a cidadanía non xere esta situación inmoral de case seis millóns de parados no Estado e ás portas dos 300 mil en Galiza.

P: O naval en Ferrol e o de conservas Cuca en Vilagarcía. Son dous dos conflitos laborais liderados por CC OO e que afectan maioritariamente a traballadores o primeiro e a traballadoras o segundo. Existen diferencias nas maneiras de os afrontar nuns e noutras? Quen debera asumir responsabilidades en cada caso?

R: Pois tanto na ría de Ferrol como na ría de Vigo están a atravesar posíbelmente a crise máis dura da súa historia, especialmente en Ferrol, onde se atopan sen carga de traballo a pesar das promesas electorais. A responsabilidade de Núñez Feijóo neste conflito é evidente. Hai un elemento fundamental, o dique flotante, que Navantia leva moito tempo reclamando e cunha dotación económica relativamente pequena, mais que fica aínda sen se concretar. O mesmo acontece co tax lease, que non acaba de se por en marcha. En canto ás mobilizacións, o historial é longo e non van parar até conseguir carga de traballo.

E en relación ao sector agroalimentario, ao da conserva en especial, efectivamente como dis é maioritariamente de man de obra feminina. O conflito en Cuca evidencia que as mulleres galegas son tamén comprometidas e defenden o seu posto de traballo, un modo de vida que moitas veces é complementario e teñen que compatibilizalo coa súa vida laboral e familiar.

P: Repróchaselle a CC OO certa conivencia coa patronal á hora de negociar. A última crítica nesta liña, o ERE asinado en Madrid con Paradores S.A. que deixou xa 12 traballador@s na rúa no Hostal dos Reis Católicos, en Compostela, e 35 en toda Galiza.

R: Nós defendemos o binomio presión-negociación. O ERE de Paradores significa que non se pechan todos os que estaban previstos e que se aminorou de maneira substancial a perda de postos de traballo. Por tanto, a presión ten como obxectivo forzar a negociación e a negociación, neste caso, foi positiva.

Falar de conivencia é unha barbaridade. A única conivencia de CC OO é cos afiliados e cos traballadores. Somos un sindicato absolutamente autónomo e independente, que toma as súas decisións á marxe de calquera cuestión e non creo que teñamos nada que demostrar. Do que se trata é de buscar os mellores acordos. Poden valorarse eses acordos, mais non se pode dicir que hai conivencia porque se asinen acordos, porque ese é o obxectivo.

"Falar de conivencia coa patronal é unha barbaridade. A nosa única connivencia é cos traballadores''

P: Ao o ouvir, vénme á cabeza o que dixo en 2009, a primeira vez que se postulou para dirixir Comisións en Galiza: "hai certa présa por mobilizar, mais primeiro hai que esgotar o diálogo". A estas alturas, confia aínda no diálogo?

R: Non nos queda outra! Manteño o que dixen daquela porque é un elemento fundamental da nosa acción sindical. Na negociación ten que haber presión, mais esa presión deberá facerse só no momento en que sexa oportuna.

P: Haberá cambios nesta nova etapa súa á fronte do sindicato?

R: Imos intentar reforzar a nosa presenza nos centros e visualizarnos como un instrumento cercano e útil primeiro para os nosos afiliados, mais tamén para o conxunto da clase traballadora.

Comentarios