Análise

O euro cumpre 20 anos sumido nunha nova crise

O 1 de xaneiro de 2002 o euro pasou a ser a moeda de varios dos Estados da Unión Europea. Mentres as autoridades comunitarias conmemoran hoxe o seu 20 aniversario, o rexeitamento a moeda única gaña forza en todo o continente. O seu futuro vai depender da capacidade para dar resposta a esta nova crise.

bruxelas eurogrupo Unión Europea
photo_camera Sede do Banco Central Europeo en Frankfurt. (Foto:Europa Press).

O presidente do Consello Europeo, Charles Michel, aproveitou o 20 aniversario da entrada en vigor do euro para facer unha defensa da moeda de 18 Estados da Unión Europea. Á marxe do mesmo continúan países como Dinamarca ou Suecia sendo o último en adoptar esta moeda Lituania, quen a fixo súa en 2015.

Michel sinalou nun acto celebrado este sábado en Bruxelas que “o euro percorreu un longo camiño. É un verdadeiro logro europeo. Mesmo diría que o euro se converteu en parte de quen somos e como nos vemos como europeos. Parte da nosa mentalidade. Parte do noso espírito europeo. O euro perténcenos a todos, a todos os cidadáns europeos”.

A concentración bancaria e de capitais

"Un euro dixital podería xerar maiores oportunidades para a investigación e a innovación. E unha cousa está clara: necesítanse investimentos masivos para que as nosas transicións ecolóxicas e dixitais sexan un éxito. Por iso é tan vital completar a Unión Bancaria e a Unión dos Mercados de Capitais”, continuou Michel.

O presidente do Consello Europeo rematou afirmando que “se queremos promover os nosos valores europeos, se queremos liderar fronte aos grandes problemas do século  XXI, necesitamos unha moeda global que coincida coas nosas ambicións globais. Fagamos de hoxe, este aniversario, un día que revitalice o noso compromiso coa acción europea colectiva, para fortalecer a nosa Unión Económica e Monetaria e avanzar con confianza”.

A visión de Michel non é partillada polo maior parte dos economistas críticos. Un grupo importante deles, seguindo a formulación avanzada en 2003 por Samir Amin, prefire falar de sistema euro para designar “ao conxunto constituído pola moeda única e as regras que acompañaron a súa implantación”. Neste sentido, fan a referencia ao bloque normativo relativo ao pacto orzamentario e as funcións encomendadas ao Banco Central Europeo (BCE).

As regras do euro

O paso ao euro combinouse con dúas regras esenciais. En primeiro termo, a fixación de normas orzamentarias, 3% do PIB para o déficit e 60% para a débeda en curso. En segundo lugar, as modalidades de funcionamento do BCE, independente dos poderes públicos, co único obxectivo do control da inflación e coa prohibición de financiar os déficits públicos.

O economista grego, Costas Lapavitsas, entende que “esta construción baseábase nunha hipótese, que algúns economistas recusaron entón, e que moitos descubriron máis tarde. Esta hipótese era que as disciplinas orzamentarias e salariais, combinadas coa liberalización dos movementos de capitais, bastarían para asegurar a converxencia das economías que formaban parte da zona euro”.

O Nobel de Economía, o estadounidense Joseph Stiglitz non dubida en responsabilizar ao euro da especial virulencia da Grande Recesión no seu ámbito de influencia. Neste sentido argumenta que “a  causa da particular crise da eurozona, non do ámbito da UE, está ligada coa xenética proxecto europeo e de xeito moi particular co mercado común de capitais, a moeda única e as relacións xerárquicas entre o seu centro e a súa periferia”.

O BCE

Stiglitz amósase moi crítico co BCE a quen acusa “de non controlar a inflación, malia ser esta a súa encomenda”. Neste sentido, analizou como “a incapacidade do BCE para controlar a inflación non só provocou unha caída do poder adquisitivo das clases traballadoras senón que provocou diverxencias na competitividade entre Estados a favor do centro”.

Lapavitsas, nun libro publicado en 2012 en español co título de Crisis en la Eurozona, apunta que “no período 1999/2008 os prezos aumentaron na eurozona en 22%, a tendencia variou segundo o Estado até o punto de medrar  17,42% en Alemaña fronte a 34,28%, 35,55% e  35,72% de Estado Español, Grecia e Italia”

“A conta é doada, os produtos españois encareceron en 17% fronte Alemaña e os gregos e italianos en 18% o que implica unha perda de competitividade da periferia como consecuencia dunha diferente evolución dos prezos”, continúa Lapavitsas, quen conclúe que “mentres uns Estados, os centrais, aumentaban o seu superávit, outros, os da periferia, incrementan o déficit”.

Desvalorizar a moeda

A practica totalidade das escolas económicas coinciden en destacar que “a imposibilidade de desvalorizar a moeda limita de facto a capacidade de resposta dun Estado fronte á crise”. Esta idea está mesmo recollido no Programa Nacional de Reformas para 2013 do Goberno de Raxoi.

As diferencias para as maiorías sociais do recurso a desvalorización externa ou a desvalorización interna son claras. A este respecto, o economista Éric Toussaint destaca que “a desvalorización  da moeda é neutral porque non altera as rendas fronte a desvalorización interna que si que as modifica”.

“Expliquémonos”, afirma  Toussaint, “a desvalorización monetaria modifica os prezos exteriores, pero non toca a relación interna de prezos, incluíndo os salarios. Noutro lado a desvalorización interna, ao non modificar ao mesmo tempo o prezo de todos os produtos, salarios incluídos, muda as rendas co que enriquece a uns e empobrece a outros”.

Comentarios