mércores 28/10/20

Absolta a familia do expresidente de Pescanova do delito de branqueo de capitais

A muller e dous fillos do empresario estaban acusados do posíbel desvío de fondos a tres contas en Andorra. Nestas chegaron a acumularse máis de dous millóns de euros.

pescanova, xuízo
Fernández Sousa (á dereita) nunha imaxe de arquivo do xuízo de Pescanova. (Foto: Pool / Europa Press)

A muller e dous fillos do que fora presidente de Pescanova, Manuel Fernández Sousa, saen absoltos do proceso xudicial aberto na Sala do Penal da Audiencia Nacional. A Xustiza concluíu que estes familiares non cometeron delitos de branqueo de capitais e contra a Facenda pública. A acusación pesaba contra eles por ocultar 2,6 millóns de euros en diversas contas bancarias operativas en Andorra.

Neste xuízo, que xurdiu dunha separata do caso Pescanova, a Fiscalía reclamaba penas de tres anos de prisión para María del Rosario Andrade Detrell e os seus fillos Pablo Javier e Ignacio José Fernández Andrade.

Tamén se solicitaban outros tres anos na cadea para os acusados por un suposto delito contra a Facenda pública. Por este último cargo a Avogacía do Estado solicitaba catro ano para Andrade e tres para os fillos.

Os feitos probados da sentenza entenden acreditado que os tres tramitaron a apertura de contas correntes na entidade financeira andorrana Andbank. Estas aperturas non foron declaradas ante Facenda de acordo co disposto na normativa para o modelo 720 da declaración de bens no estranxeiro.

Os fondos chegaron a 2.671.450 euros, dos que máis de 2,5 millóns de euros foron abonados mediante ingresos en efectivo. O resto chegou vía transferencia desde a conta dunha sociedade de Panamá.

Sin probas da orixe na compañía

Atendendo á resolucion xudicial coñecida esta sexta feira, as contas "permaneceron ocultas á Facenda pública e a xurisdición española até que as autoridades de Andorra comunicaron a súa existencia ao Xulgado Central de Instrución 5" en contestación a unha comisión rogatoria.

A Audiencia Nacional asegura descoñecer con exactitude a orixe última do diñeiro que entrou nas tres libretas nos anos 2009, 2010 e 2012, mais subliña que "o que si aparece acreditado é que tales fondos non proceden das contas da sociedade Pescanova ou dalgunha das súas filiais".

Pola contra, din que se aclarou a acreditación das actividades relacionadas coa hípica desenvolvidas polos acusados en anos anteriores á materialización dos ingresos en Andbank. A xuízo dos maxistrados, non se puido demostrar que os tres acusados "perpetrasen infracción tributaria ningunha con consecuencias penais".

Na resolución, explican que non pode serlles de aplicación a reforma instaurada polos artigos 1 e 3 da Lei 7/2012, de 29 de outubro, de modificación da normativa tributaria e orzamentaria e de adecuación da normativa financeira para a intensificación das actuacións na prevención e loita contra a fraude, que foi publicada o día 30 de outubro de 2012 e entrou en vigor o 31, porque os feitos impoñibles decorreron con anterioridade.

comentarios