xoves 01/10/20

Abanca entra no novo baile de fusións

Expertas apuntan á necesidade de que o banco galego medre vía adquisicións
Oficina de Abanca (Xoán Roberes)
Oficina de Abanca (Xoán Roberes)

A inminente fusión entre Bankia e Caixabank deu por iniciado o novo baile de concentracións bancarias, no que a entidade galega Abanca está chamada a ser unha peza activa. O que as persoas expertas non acaban de ter claro é se seguirá en solitario ou se rematará integrada nun dos xigantes que sobrevivan após este novo proceso.

A entidade presidida por Juan Carlos Escotet é agora moito máis que o banco resultante da fusión das caixas de aforro galegas, xa que nos últimos anos integrou a rede da portuguesa Caixa Geral no Estado español, o negocio de Deutsche Bank en Portugal, a división de servizos financeiros do desaparecido Banco Popular, e este mesmo mes está previsto que asine con Crédit Agricole a compra de Bankoa. Con esta última operación, o volume de negocio do banco galego ascendería até 93.000 millóns. Ademais, consolidaríase como sétima entidade por volume de activos do Estado español, con máis de 65.000 millóns de euros.

Anxo Calvo, profesor da Universidade da Coruña (UDC) e experto en valoración financeira, recoñece a Nós Diario que "hoxe por hoxe, Abanca é moi apetecíbel" como presa para outras entidades, xa que goza dunha situación de "certa solidez". Na súa opinión, a chave será a estratexia que decida seguir. "Pode apostar na especialización na Galiza, por consolidarse no noroeste da península ou por crecer a nivel europeo, xa sexa en Portugal ou no resto do continente". E é que, como apunta Calvo, o baile de fusións non se vai xogar sempre en clave española, senón da Unión Europea. De aí que Abanca non perda de vista o mercado luso

Prima o beneficio

O cambio de escenario non é a única novidade dos movementos de concentración que se prevén. Tamén está o modelo das mesmas. Como explica o profesor da UDC, até o momento as operacións de concentración baseáronse na compra de redes comerciais, mais agora "as oficinas son máis unha carga que un activo e os bancos están máis centrados en trasladar o negocio á canle online". 

A profesora de Economía da Universidade de Compostela (USC) María Cadaval indica que esta nova vaga de fusións que inician Bankia e Caixabank "non é algo que nos colla de sorpresa". En declaracións a este diario, cre que nun escenario onde a marxe de beneficio bancario vai seguir sendo "moi reducida", a única saída que van ter as entidades son as fusións. Desta maneira gañarán en rendibilidade pola vía do aforro de custos, coa eliminación de duplicidades na rede comercial, o que na práctica se traduce en máis perda de traballo no sector. 

Postura de país

Na súa opinión, a fusión entre Bankia e Caixabank ten tamén unha lectura política. "É a primeira concesión do Goberno a Catalunya, e non vai ser a única", vaticina, e o seguinte movemento podería ser unha concesión a Euskadi, engade. 

Respecto do papel de Abanca neste escenario, Cadaval cre que a entidade galega ten que adoptar unha posición ofensiva. "Galiza ten que anticiparse e pedir a súa parte no reparto". Tamén pensa que hai "oportunidades para saír a pescar". O que ten claro é que debe rematar o baile "con algo máis do que ten" e defender "con unllas e dentes" a súa supervivencia como entidade independente. 

Nesta liña, considera que debe haber "unha posición de país", para que Abanca siga a gañar tamaño e para que nesta segunda vaga "deixen en paz á Galiza, que xa bastante pagou na primeira" coa perda de entidades e un proceso de concentración que en moitos concellos se transformou en exclusión financeira.

Parellas de baile

No novo escenario, os bancos medianos, como é o caso de Abanca, o Sabadell (que integrou no seu día o negocio do Banco Gallego), Unicaja, Liberbank e Ibercaja van xogar un papel fundamental. Entidades como Kutxabank (xestionada polas fundacións das antigas caixas de aforro vascas) xa anunciou a súa intención de seguir en solitario e aproveitar o seu apego ao territorio. 

Abanca podería seguir esta mesma estratexia e mesmo consolidar a súa presenza no noroeste peninsular cun novo intento por Liberbank. Aínda que o propio Escotet fechou a porta a esta posibilidade, as expertas non desbotan un novo intento por unha entidade que está a atraer moitos investidores nas últimas datas, xa que é a que máis posibilidades ten de entrar no baile de fusións. Abanca quere medrar como "banco ibérico" e Portugal é outra das súas saídas. Fracasou con Eurobic, mais segue a haber oportunidades.  

comentarios