venres 14/08/20

Abanca chega a un preacordo con Crédit Agricole para comprar Bankoa

A entidade que preside Escotet aumentaría en 4.374 millóns o volume de negocio,

Oficina de Abanca (Abanca)
Oficina de Abanca (Abanca)

Abanca subscribiu un acordo preliminar co grupo  Crédit  Agricole para a compra das súas accións en  Bankoa, co que a entidade galega adquiriría o negocio bancario minorista de  Crédit  Agricole no estado español e reforzaría o seu posicionamento en Euskal Herria.

Segundo informou Abanca, o acordo prodúcese unha vez realizada satisfactoriamente a 'due  diligence' sobre a situación da entidade vasca.

Se a negociación culmina cun acordo firme para a adquisición de  Bankoa, iniciarase o proceso de obtención das autorizacións administrativas correspondentes e, a partir de entón, comezará a integración.

Coa compra, Abanca aumentaría en 4.374 millóns o volume de negocio, ata situalo en 93.000 millóns de euros, e consolidaríase como a sétima entidade bancaria no Estado español por activos, con máis de 65.000 millóns.

A potencial operación profundiza no acordo estratéxico que asinaron Abanca e  Crédit  Agricole hai dous anos, cuxo primeiro froito foi a compañía conxunta que xestionará os seguros xerais no mercado español e portugués os próximos 30 anos.

Bankoa, que naceu en 1975 como un banco industrial, ten o seu domicilio social en Guipúscoa e conta con 30 oficinas situadas maioritariamente en Euskadi, ademais de Nafarroa, A Rioxa e Madrid, concentradas en contornas urbanas e municipios con tecido empresarial.

A operación permitiría a Abanca multiplicar por sete a súa presenza na País Vasco, onde actualmente conta cunha rede de cinco oficinas.

Na actualidade,  Bankoa desenvolve un modelo de negocio especializado e centrado en empresas, pemes e xestión de patrimonios e conta con 4.374 millóns de euros de volume de negocio, dos que 1.788 millóns corresponden ao crédito á clientela, 1.575 millóns de euros a depósitos da clientela e 1.011 millóns son fondos fóra de balance.

comentarios