Abanca, actor chave no novo baile de fusións

No primeiro trimestre do ano Abanca dará por finalizada a súa integración coa división española de Banco Caixa Xeral. Abrirase entón un escenario para analizar novos movementos no mercado. O seu presidente, Juan Carlos Escotet xa avanzou que a súa idea é seguir crecendo a golpe de adquisicións e que ten marxe para facelo. 
Sucursal de Abanca na Coruña. (Xoán Roberes)
photo_camera Sucursal de Abanca na Coruña. (Xoán Roberes)

O baile de fusións no sector financeiro parece estar a piques de comezar. As entidades van poñendo as cartas sobre a mesa. Hai uns días, o Banco Sabadell abría a porta ás fusións. Bankia sona como posíbel compañeira  de viaxe, pero as grandes entidades, Santander, BBVA e Caixabank de momento tampouco quedan fóra da ecuación. Onde vai a haber movementos seguro, segundo as persoas expertas, é nas entidades medianas, onde Abanca, a entidade galega, parte con vantaxe fronte as súas rivais.

Esta cuarta feira, o responsábel de Análise de Institucións Financeiras da axencia de cualificación S&P Global Ratings, Luigi Motti, indicou que nun entorno de baixos tipos de interese as entidades están chamadas a buscar melloras na eficiencia, redución de custos, dixitalización e unha maior segmentación de clientas. Neste senso, apuntou que ve "máis probábel" que se produzan fusións entre os bancos medianos "pola maior capacidade de xerar economías de escala e para abordar mellor os retos do mercado e os retos do proceso de dixitalización".  

Para afrontar este escenario de concentracións, a entidade galega presidida por Juan Carlos Escotet conta cun excedente de capital de 1.326 millóns de euros sobre o seu requisito de solvencia CET1, o de referencia para o Banco Central Europeo (BCE). Esta cantidade permitiríalle a Abanca adquirir sen esforzos a Liberbank (valorada en 943,8 millóns de euros), á que xa intentara lanzar unha OPA cando negociaba para fusionarse con Unicaja Banco, e tamén con algo máis de esforzo a esta última entidade, cunha capitalización en bolsa de 1.456 millóns de euros.

O modelo de comprar para crecer estalle a dar moi bo resultado a Abanca, que nos últimos anos sumou o negocio minorista de Deutsche Bank en Portugal, e o de Caixa Geral no Estado español. A fusión legal e a integración dos sistemas informáticos con esta última entidade rematará, segundo as previsións de Abanca, neste primeiro trimestre de 2020. Despois poderá centrarse de novo nas compras.

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube

Comentarios