A Xunta deixa sen efecto as axudas ás explotacións gandeiras extensivas

A Fruga denuncia o incumprimento do executivo galego que publicara en outubro as solicitudes para a campaña de 2012.

Nin un só euro para 2012. Así ficarán as explotacións gandeiras extensivas após a publicación dunha orde da Xunta de Galiza pola que revoga as solicitudes de axuda convocadas en outubro. Segundo o executivo galego, a decisión débese a que o Ministerio de agricultura español "non fixo o ingreso oportuno".

Desde a Federación Rural Galega denuncian que a decisión da Xunta supón "un insulto á intelixencia dos gandeiros e gandeiras que asinaran a renovación da axuda había uns meses". Aliás, aseguran que o acontecido deixa ver que o goberno galego "non ten unha política agraria propia" senón que "sempre está agardando ás directrices do goberno central para actuar", asevera a federación rural.

As axudas ían destinadas ao fomento da produción de razas autóctonas en réxime extensivo, un modelo produtivo que concorda, en liñas xerais, co promovido desde as institucións europeas, ao basear a alimentación dos animais con recursos propios e o desenvolvemento da actividade en espazos abertos.

As axudas, foran creadas pola Consellaría de Medio Rural do bipartito e o seu deseño prolongábase desde 2008 até 2013, no estanto a suspensión das solicitudes aprobadas pola Xunta en outubro, deixará ás explotacións sen os 156€ por animal e produtor(a) ao ano cos que a administración galega procurou pular pola gandaría extensiva. Porén, as axudas xa foran reducidas ao longo dos últimos anos até nun 45% sobre a contía fixada inicialmente.

Comentarios